Elena Candia presenta avais polo 76% dos votos dos compromisarios, mentres Raquel Arias pide que os compromisarios acudan a votar en conciencia e con liberdade

A candidatura que encabezan Elena Candia e Ramón Carballo recibe o aval do 76% dos compromisarios da provincia de Lugo, que teñen dereito a voto no congreso que se celebrará este domingo para a elección do presidente do Partido Popular de Lugo. En concreto participarán no conclave un total de 766 compromisarios. Se todos os compromisarios que presentou votan a favor da candidatura de Candia e Carballo, sen dúbida, a alcaldesa de Mondoñedo, será a nova Presidenta do Partido Popular de Lugo.

Candia quixo agradecer a confianza recibida polos militantes así como o traballo realizado polas distintas agrupacións locais e engadiu que o “partido ganará en forza, en vida e en ilusión” e, neste senso, de ser a candidatura elixida o domingo para dirixir o PP provincial, “na nosa executiva e no noso partido terán o seu propio espazo, tanto as agrupacións máis grandes como as máis pequenas da provincia”.

“Somos a candidatura dos militantes” e esta recollida de avais non “foi un mero trámite, xa que non buscamos recoller só o seu apoio, senón darlles aos compromisarios voz e participación no noso proxecto e para iso mantivemos reunións polas distintas comarcas”, indicou. “Cando un ten unha proposta na que confiar pódelle mirar á xente á cara e sentir que tes o seu apoio”, concluíu.

Elena Candia sostén que a partir do domingo “toca seguir traballando por un partido unido e que busque dar resposta aos problemas da xente”.

Pola súa banda Raquel Arias declarou que “O domingo ten que ser un día grande para o Partido Popular de Lugo, con independencia de quen ocupe a presidencia”.Arias engade que “espero e desexo que todos os compromisarios chamados a determinar o futuro máis inmediato do noso partido, en representación de toda a militancia, acudan ó congreso extraordinario co convencemento e seguridade de que o Partido Popular de Lugo somos todos; co desexo de asumir a súa responsabilidade e, en consecuencia, co seu lexítimo dereito a votar en conciencia e liberdade”.

Segundo a candidata, este proceso debe ser o comenzo dunha nova etapa na vida do partido con máis democratización interna, máis transparencia, máis vitalidade e máis atención ó que está a pasar na rúa. “É necesario que o aire fresco co que, entre todos, logramos impregnar as sedes do noso partido se manteña no tempo e permita enriquecer o  proxecto político que compartimos”. Rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo