Elena Candia valorou positivamente o I Congreso Provincial de Educación

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, valorou moi positivamente a celebración do I Congreso Provincial de Educación: “A convivencia no ámbito educativo”, que se celebrou dende onte en Lugo, e no que participaron reputados expertos e dirixentes nas institucións con competencias na materia. Neste senso, a dirixente do PP sinalou que “o éxito” do encontro radica en tres vertentes. Primeiro, nas persoas; un equipo de 9 organizadores que “desinteresadamente foron capaces de mobilizar de xeito serio e rigoroso ao colectivo implicado”. Segundo, na temática, “pois a Educación está no centro do debate social” e, terceiro, nas áreas que se trataron, xa que “todas elas incidían nas principais preocupacións da comunidade educativa”.

“Como presidenta dun partido, pero coa perspectiva dun militante, que onte estivera connosco o secretario de Estado, explicando o Pacto Educativo; que comparecesen expertos que elaboraron normativas como a Lei de Convivencia galega; ou que participasen membros do Consello Escolar dando propostas de solución a casos reais, creo que é un éxito”. Deste xeito, defendeu que “aquel que entende a política como un mecanismo para resolver problemas e para ser útil á sociedade atopa nestes foros unha inxección de forza para acadar estes obxectivos e unha sociedade mellor”.

Elena Candia tamén se referiu á participación, que “cuantitativa e cualitativamente foi moi importante”. A este respecto, valorou que asistise, por exemplo, distinto persoal de dirección nos centros. “Esta é a forma na que temos que traballar e seguiremos noutras áreas: en políticas sociais, en actividades económicas… invitando á xente a participar, facendo documentos moi prácticos e remitíndollos ás institucións que teñen a capacidade para resolver o que non funciona ben ou teñen a obriga de facelo mellor”.

As xornadas remataron con dúas conferencias, a primeira, a cargo de Jesús Álvarez González, que interveu previamente a facelo a máxima dirixente do partido, Elena Candia, o tenente fiscal da Fiscalía Provincial de Lugo, analizou aqueles casos que teñen unha derivación xudicial ou que teñen que ver coa fiscalía, dentro e fóra dos centros educativos, como poden ser o acoso escolar, a agresión aos docentes e a delincuencia no medio escolar.

Así, os casos máis habituais que tratan, explicou, son as agresións entre adolescentes no marco docente ou ben fóra do mesmo; rapaces que se coñecen porque son compañeiros de clase ou do mesmo colexio.

Pola súa banda, o vicepresidente do Consello Escolar de Galicia, Fernando del Pozo Andrés, explicou as claves que deben existir para una “axeitada” convivencia escolar, porque tal e como destacou, esta é “unha cuestión de todos”. Neste senso, indicou que “os humanos somos sociables por natureza, vivimos en relación con outras persoas, vivimos cos outros, é dicir, convivimos, e esa convivencia cos outros debe ser pacífica”. Deste xeito, para conseguir vivir harmonicamente cos demais “cómpre traballar dende pequenos os hábitos da concordia e obter unha boa educación na que o respecto polos demais e a solidariedade deben primar sobre as apetencias dun mesmo”, apuntou.

Deste xeito, con estas dúas conferencias, rematou o I Congreso Provincial de Educación: “A convivencia no ámbito educativo”, organizado polo Partido Popular, chegou ao seu fin. Foron “dous días intensos, nos que se contou cunha ampla representación institucional e social da comunidade educativa, así como cun gran numero de asistentes, Máis de 200 persoas se deron cita nos dous días que durou o simposio”, subliñou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com