A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou este mércores no almorzoworking celebrado no CEI Nodus de Lugo dentro do programa Feminino rural. Evolución. Esta iniciativa está dirixida a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.
“Trátase dunha proposta que busca a creación de emprego, especialmente o xuvenil e o feminino, unha das nosas apostas, porque é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, explicou a Deputada. Unha vez rematada esta fase realizarase unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por cada comarca da provincia, que recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.