Empresas de diferentes polígonos industriais da provincia denuncian as deficiencias do servizo telefónico

As empresas situadas no polígono industrial de Ribadeo protestan polas deficiencias que hai no servizo telefónico pois sofren continuas avarías, o que lles resulta moi prexudicial para o funcionamento dos seus negocios.

Esta situación vense producindo dende a posta en funcionamento do parque empresarial e non mellorou co paso do tempo, polo que en outubro do pasado ano 2015 puxeron estes feitos en coñecemento do alcalde de Ribadeo a través dun escrito no que explicaban que “o servizo telefónico nada ten que ver co que no seu día se nos ofreceu; falóusenos de últimas tecnoloxías antes de realizar a compra das parcelas e debían de ter razón os representantes de SEPES e do Concello, sobre todo no que se refire ás últimas tecnoloxías, porque parece ser que nin repostos teñen para reparar as avarías que tan frecuentemente ocorren”.

Agora os responsables das empresas situadas no polígono industrial ribadense explican que “a raíz da presentación deste escrito no Concello de Ribadeo, o alcalde fixo algunhas xestións coas que logrou que tarden menos en reparar as avarías que se producen no servizo telefónico, o que lle agradecemos ao rexedor municipal. Pero estas deficiencias seguen ocorrendo con demasiada frecuencia”.

As mesmas deficiencias noutros polígonos industriais

Non é este caso o único na provincia, senón que no polígono empresarial de O Corgo, o aceso a internet é absolutamente precario, así como o servizo eléctrico con cortes e microcortes continuos, o que ten levado ás empresas a denunciar estas carencias diante da Consellería de Industria. Neste polígono non existe fibra óptica, polo que as empresas só poden utilizar internet dun xeito que xa nin na maioría dos fogares se da tal circunstancia. Paradigmático é o caso do polígono de As Gándaras, un polígono que se remata de inaugurar e que tampouco posúe fibra óptica.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com