En Marea esixe a paralización inmediata do parque eólico de Sasdónigas

“A desvergoña e a corrupción institucional como forma de goberno”. Así definiu Luís Villares a actuación da Xunta co parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, que afecta restos patrimoniais coma o castro de Cabanavella e interrompe a vía primitiva do Camiño de Santiago. Para En Marea son intolerables as incoherencias das comparecencias parlamentarias do Director Xeral de Minas, Bernardo Tahoces, que insiste na ausencia de elementos patrimoniais e a da Directora xeral de Patrimonio, que recoñece a existencia dun informe que recolle a existencia do xacemento de Cabanavella.

Luís Villares reclamoulle hoxe á Xunta a paralización inmediata das obras, que se restitúa a legalidade e que se faga efectiva a protección do Camiño de Santiago, e lembrou que a actuación conta xa con máis de dez denuncias diante de Fiscalía. “A maior ameaza para o Camiño de Santiago chamase Bernardo Tahoces, por isto pero tamén pola Mina de Touro, en todos os casos o elemento común é a superioridade da Dirección Xeral de Minas fronte ao resto de valores e competencias en materia de conservación dependentes da Xunta”. En Marea pide a demisión de Bernardo Tahoces por todas estas actuacións.

Para o voceiro de En Marea a actuación en Sasdónigas, de total impunidade para a empresa Norvento, é tamén un exemplo da mentira como forma de goberno, de como o PP emprega as institucións ao servizo de intereses particulares arrasando con bens patrimoniais e ambientais.  “Están empeñados en matar a pita dos ovos de ouro”, sinalou, antes de preguntarse “que facemos destrozando o Camiño de Santiago”.

Pola súa banda, o parlamentario de En Marea, Francisco Casal, que trasladou xa varias iniciativas ao Parlamento pedindo a protección da zona e visitou as obras da empresa eólica, lembrou que logo dun informe “feito por Norvento no que, casualmente, non atoparon nada de valor arqueolóxico, uns paseantes deron cunha moeda e uns cravos romanos, recoñecidos como tales por Patrimonio, que agora pón a excusa de que non está demostrado que, con todo, alí houbera romanos”.

“O que non pode ser é que por optimizar un 4% o rendemento dos muiños, as grandes empresas eólicas os poidan poñer onde lles dá a gaña”, insistiu Casal, que tamén relatou como na súa visita á zona puio comprobar como se está desecando unha lagoa de gran valor ambiental para moita fauna.

Finalmente, a voceira de En Marea Mondoñedo, Chus Amieiro, achegou abondosa documentación sobre a desfeita das obras do parque eólico, sen que ademais teña ningún tipo de repercusión positiva para a poboación da zona. “É horroso ver como a xente perde as súas terras por 0.01€ metro cadrado, con coaccións, mentres se cargan o medio ambiente e a paisaxe”, denunciou Amieiro, para quen “tanto o concello como a Xunta deben ser o garante da seguridade da veciñanza e non dunha empresa eléctrica que cada pouco tempo nos sobe a factura da luz”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com