En Marea reclama 12M€ para a cidade de Lugo nos orzamentos da Xunta

O voceiro de En Marea, Luis Villares, xunto coa voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráez e a deputada de En Marea por Lugo Paula Vázquez Verao, explicaron como os orzamentos que a Xunta propuxo para o vindeiro 2019 para a cidade son “claramente inxustos” e demostran a “escasa vontade” da Xunta do PP en mellorar a vida da cidadanía lucense. En Marea propuxo para estes orzamentos unha serie de emendas por valor de case 12 millóns de euros que afectan a todas as áreas da vida da cidade, desde os servizos sociais e os sanitarios, ás comunicacións por terra e tamén á vida da contorna rural da cidade. Segundo Luís Villares, “o PP leva demostrado unha absoluta indiferenza con respecto ao que pase na cidade é a mellora da vida da cidadanía”. Villares apuntou que o PP votou en contra da emenda xeral de 400 millóns que En Marea propuxo e agora é necesario “ir propoñendo as emendas parciais, neste caso as que pediremos para Lugo”.

O voceiro de En Marea sinalou na súa intervención que a vontade da Xunta de Galicia do PP para o 2019 é “nula” e queda evidenciada en casos tan claros como que para unha inversión tan importante “como a intermodal en Lugo só se consignan 30.000 euros, unha cantidade que é insuficiente para facer calquera cousa”. No mesmo sentido, Villares apuntou que as decisión que a Xunta leva tomando durante esta lexislatura “quedan confirmadas polo orzamento para o ano vindeiro, que ignora a Lugo e que desde logo non ten en conta as necesidades dos e das lucenses“.

Neste sentido, o conxunto das emendas que En Marea presentará ao orzamento para a cidade de Lugo suman un total de doce millóns de euros destinados para a atención social, para a mellora dos servizos santiarios, a intermodal, as comunicacións na contorna rural da cidade e que, en conxunto, pretenden equipar a cidade co resto das cidades galegas.

Pola súa parte, a deputada de En Marea no parlamento, Paula Vázquez Verao, sinalou algúns dos casos nos que é necesario intervir. A parlamentaria fixo unha síntese das peticións de En Marea asegurando que “o rural segue sendo o gran esquecido deste orzamento”. En primeiro lugar “dispoñer de un millón de euros para o saneamento da zonas rurais de Lugo que, aínda que sexa unha competencia municipal, necesita unha axuda por parte do goberno autonómico. No mesmo sentido, para Verao é necesario realizar un plan de banda larga para toda contorna rural da cidade, para mellorar o acceso ás comunicacións aos residentes no rural”. A deputada tamén apuntou as necesidades de prazas de educación infantil, “unha necesidade para toda Galicia que ten unha especial incidencia na cidade de Lugo”.

Cristina Pérez Herráiz insistiu hoxe no carácter “ficticio” do montante local que arroxan os presupostos da Xunta para Lugo e cualifica de “desvergoña” que se inclúa neles unha consignación para o Auditorio.

“Resulta ofensivo que o señor Feijoo nos diga que gastará 400.000€ en rematar o edificio cando ese diñeiro, e moito máis, xa o pon a cidadanía lucense. E non só iso, senón que, grazas á marabillosa xestión que fixo a alcaldesa, o executivo galego aínda recibirá a maiores, como propina polo bo trato e consideración que nos dispensa, un millón e medio de euros, diferenza entre o que custa equipar a dotación e o que se aforra coa exención do IBI. Cartos que, dende Lugonovo, lle pedimos, teña, cando menos, a honestidade de descontar para falar con realismo das contas que bota en Lugo”, sinalou a portavoz do Grupo Municipal.

Pérez Herráiz puxo en entredito, ademais, a veracidade dos argumentos da Xunta con relación á intervención prevista para o barrio da Residencia, advertindo dunha importante contradición.

“O Partido Popular cancelou en maio o procedemento de retrocesión dos terreos do antigo complexo hospitalario para reverter o seu uso co pretexto de simplificar o proceso: sería máis sinxelo e rápido segregar o soar cando o edificio estivese derrubado. Pero se é así, ¿cal é o futuro que lle agarda entón ao Centro de Emprendemento Aeronáutico? Estas instalacións se atopan dentro do inmoble que ocupaba o Materno e, polo tanto, debido á súa decisión, aínda teñen un uso exclusivamente sanitario co que non encaixan. ¿Que pensan facer agora para corrixir esta situación? –  inquiriu Cristina Pérez – porque é evidente que as súas xustificacións terán, neste caso, o efecto contrario”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com