Entrepinares investirá 16 millóns de euros en ampliar a súa planta en Vilalba

A Queixería Entrepinares anuncia un investimento de 16 millóns de euros para ampliar a planta que ten no concello lucense de Vilalba, algo que suporá ademais un aumento da produción. Así o confirmou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha visita ás instalacións da queixería en Vilalba e no que confirmou que o seu departamento financiará parte desa ampliación.

En concreto, a Consellería do Medio Rural colaborará con máis de 4,7 millóns de euros na construción dunha torre de secado do soro para a elaboración do queixo. Para a instalación desta torre precisase construír tres naves: unha para albergar a maquinaria do proceso, outra como almacén do produto rematado e outra para a zona de expedición. Esta obra, xunto á compra dos equipamentos necesarios, suporá un investimento total de 15.178.003,83 euros e evitará que o soro procedente da planta de Vilalba sexa procesado en Zamora.

Así mesmo, a compañía tamén mellorará a automatización das técnicas microbiolóxicas de laboratorio e diferentes melloras na liña de queixo de untar: limpeza automática mediante escuma, transportador, marcador de tarrinas e diversa maquinaria para a automatización do proceso. O orzamento é de 779.625,12 euros, dos que a consellería achegará 244.279 euros, un 31% do total. En total, Entrepinares realizará un investimento de preto de 16 millóns en Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com