A Escola Politécnica recibe o premio Aresa de desenvolvemento rural

A Escola Politécnica de Lugo recolleu na tarde de onte o XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O encargado de recibir este galardón, impulsado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Aresa e dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa, foi Tomás Cuesta, director da Escola  Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo.

O acto de entrega do Premio Aresa, que congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron dous membros do xurado desta edición, como son o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín, e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces.

José Rafael Marqués da Silva, profesor de Engenharia Rural da Universidade de Évora (Portugal), foi o encargado de ofrecer a lección maxistral `Manexando cultivos con imaxes satelitais´, durante a que explicou os usos destas innovadoras ferramentas e os beneficios que permiten para reducir custos e riscos nas diferentes producións agrícolas.

Seguidamente á conferencia tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte do secretario do mesmo, o viceirreitor de Coordinación do Campus Terra, Javier Bueno Lema.

O presidente da Xunta de Galicia e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio. Rodríguez Eiras destacou da gañadora “o valor da súa longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron na evolución e profesionalización do sector primario e dos proxectos de investigación que desenvolven neste mesmo sentido”.

Ideas que tamén remarcou o reitor da USC ao recordar que “como mostra da súa excelencia investigadora, nos últimos 16 anos a EPSE conseguiu captar uns recursos de I+D+i superiores aos 41 millóns de euros”. Rematou felicitando a todo o seu persoal, dende os profesores ata os estudantes, polo seu meritorio traballo, grazas ao cal “se logrou a posición de excelencia actual”.

Nesta mesma liña, tanto o reitor da Universidade de León como o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, tras subliñar a calidade das catorce iniciativas presentadas, incidiron no importante papel da candidatura vencedora para o desenvolvemento do medio rural galego dende a docencia e a investigación.

Alberto Núñez Feijóo clausurou o acto repasando a destacada evolución do sector primario nos últimos anos e salientando que “as mellores páxinas da historia do noso agro están por escribir. Neste senso, este Campus e esta Escola teñen unha longa vida. Aresa e o xurado acertaron na concesión deste premio porque sen transferencia do coñecemento, sen ciencia, non é posible a evolución do sector”.

O xurado tivo en conta para facer a Politécnica de Lugo merecedora deste premio a súa especial contribución para xerar empregos de calidade no medio rural, buscar a innovación en todos os métodos produtivos e adaptar a súa transmisión de coñecemento ás necesidades tan cambiantes do mercado.

O director da EPSE de Lugo, Tomás Cuesta, agradeceulles aos membros do xurado a entrega deste décimo oitavo Premio Aresa, un recoñecemento que “supón un orgullo e unha ledicia especial ao coincidir co 50 aniversario da creación deste centro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com