Fágase a luz!

Na noite lucense, estes días pode darse o forte contraste entre o atractivo  alumeado de Nadal e as rúas desertas. E pode que as baixas temperaturas nocturnas non animen a que paseemos polo centro, pero sempre ha de haber termo medio para que a vida discurra polo centro da cidade.

Hai que recoñecer que en Lugo se iluminaron de xeito fermoso as sedes do Concello e Deputación, e que a Praza Maior resulta excepcionalmente atractiva, que a iluminación nadaleira invade moitas rúas da cidade, e proporciona un ambiente case máxico que influencia aos que somos sensibles aos signos externos do progreso, da ledicia e da vitalidade.

Pouco importa que algún dos elementos luminosos teña motivos tan pouco nadaleiros coma os peixes, que todo vale aínda que provoque o tarareo da panxoliña dos peixes no río.

Haberá que atribuirlle ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a paternidade da moda de potenciar o alumeado do Nadal que, ao darlle o excelente resultado publicitario que resultou, provocou que o resto das cidades e pobos tomasen boa nota da acción e, cada quen dentro das súas posibilidades, procurase destacarse neste campo de luz que tenta abrir os nosos corazóns a este especial tempo alongado, no que o comercio e naturalmente a hostelería agardan facer o agosto.

Na noite lucense, a luz brilla pola súa presencia en ausencia dos lucenses, pero ninguén nega o seu papel vitalizador dunha cidade que precisa alicientes coma este para sentir que segue viva e agarda selo moito máis. Fágase a luz, alguén segue a repetir nestas datas…  e hai que recoñecer que a Lugo e aos lucenses sentounos moi ben.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com