Os equipos de emerxencias precisaron un guindastre especial para poder acceder á cabina do vehículo, que quedara envorcado na cuneta.
O condutor dun camión faleceu esta tarde tras envorcar o vehículo na estrada LU-862, ao seu paso polo municipio de Xove. O accidente produciuse pasadas as catro da tarde, segundo informou o 112 Galicia.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu varias chamadas alertando de que un camión permanecía envorcado na cuneta. Os testemuños non conseguían ver saír o condutor do vehículo, polo que os alertadores indicaron que podería estar atrapado no interior da cabina.
Ante esta situación, o 112 Galicia mobilizou efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Viveiro, de Protección Civil de Xove e da Garda Civil de Tráfico.
Á chegada dos equipos de emerxencias, os profesionais comprobaron que a posición na que quedara o camión impedía acceder ao interior da cabina. Por este motivo, foi necesario solicitar a intervención dun guindastre especial para mover o vehículo e facilitar o acceso dos equipos de rescate.
Unha vez que o guindastre puido realizar a manobra, os efectivos comprobaron que o condutor se atopaba falecido no interior da cabina.
As circunstancias nas que se produciu o accidente están pendentes de determinar.






