Un mozo perdeu a vida este mediodía en Vilalba despois de sufrir un grave accidente laboral no polígono industrial de Sete Pontes. A vítima atopábase realizando prácticas nunha empresa de construción de maquinaria industrial cando, por causas que se investigan, lle caeu enriba unha tubaxe de aproximadamente 500 quilos.
O suceso produciuse arredor das 12:15 horas. Segundo a información facilitada polos servizos de emerxencias, foi o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quen alertou ao 112 Galicia tras recibir o aviso dun mozo ferido de extrema gravidade no interior das instalacións industriais.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizáronse efectivos da Garda Civil, da Policía Local e membros de Protección Civil da localidade para atender a situación.
Unha vez no lugar, os equipos sanitarios realizaron diversas manobras para tratar de salvarlle a vida ao ferido. Porén, e malia os esforzos realizados, só puideron certificar o seu falecemento no punto do accidente.
As autoridades abriron unha investigación para esclarecer as circunstancias exactas nas que se produciu este tráxico suceso.






