13,00 h.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirase cos presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e Darío Campos, e co deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. A reunión terá lugar no Gabinete da Vicepresidencia (Bloque V, 3º andar) foto xon crespo 27/07/17

Fin da Emerxencia Sanitaria en Galicia

Onte o aprobaba o Comité Clínico e hoxe xa é definitivo. Galicia xa non está en estado de Emerxencia Sanitaria logo de ser aprobado onte no Consello da Xunta, que tamén  autorizou recuperar o 100% dos aforos, ampliar os horarios en hostalería e lecer nocturno, e as medidas de visitas e saídas das residencias de maiores.

Un debate que tamén se abriu onte é sobre a obriga do uso da máscara en espazos pechados e entre os escolares. Se ben, xusto onte se coñecía que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitaba o recurso interposto por unha asociación contra o protocolo aprobado pola Xunta para o curso 2020-2021 que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria, era a propia Xunta quen retiraba, en certos contextos o uso da máscara. 

A asociación que recorría o protocolo galego solicitaba aos maxistrados que declarasen que se produciu unha vulneración do dereito á vida, integridade física e moral polos “danos e prexuízos” ocasionados aos menores, fillos dos socios, debido ao uso continuado da máscara nos centros escolares. 

O colectivo, no seu recurso contra a resolución do 4 de novembro de 2020, pola que a Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Universidade aprobaron a actualización do protocolo COVID-19 para o curso 2020-2021, asegura que a medida do uso de máscara xerou “danos irreversibles e irreparables na saúde dos menores”.

Na sentenza, os xuíces salientan que o TSXG, desde agosto de 2020, “vén reiterando que o uso da máscara é unha medida adoptada nun contexto de emerxencia sanitaria e de eficacia demostrada para a prevención da propagación do virus e para a protección das persoas sas”. 

Por iso, tal e como indicou nun auto anterior, considera que “non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, cuxa salvagarda subxace na obriga do seu uso”. Así, considera que a “intervención estatal na liberdade individual” resulta “proporcionada aos fins buscados”, que son “a protección da saúde dos cidadáns e unha protección terapéutica non especialmente invasiva”. O TSXG conclúe na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que debe prevalecer “o obxectivo constitucional de protección da saúde de todos”.

Este protocolo, do que vimos falando e que foi recorrido polo colectivo, foi aprobado a mediados de 2020 pola Xunta, amparado polo Estado e o Comité Clínico, para facer fronte ao curso 2020/2021 do que non se sabía moi ben que agardar. 

Novas medidas

Así, pouco menos dun ano despois, a Xunta abre o debate no seu seo interno sobre o uso da máscara. Onte, dábanse pasos de mellora. E é que a máscara deixa de ser obrigatoria no deporte federado para os maiores de 12 anos. Cabe destacar que a poboación menor de 12 anos non ten autorizada a vacina contra a  covid e, por tanto, non recibiu este medicamento para a  imnunización.  Así pois, este grupo de idade queda nas pavías no levantamento de medidas que se promoven para os vacinados –por exemplo, o lecer nocturno, con medidas máis flexibles con este certificado–.

A través dun comunicado, a Secretaría Xeral para o Deporte apunta que deberán ser as propias federacións deportivas de Galicia ou os organizadores das probas deportivas os que envíen a proposta de modificación dos seus respectivos protocolos baseados no Fisiocovid- DXTGalego, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo covid-19.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte lembra que desde o acordo do 12 de xuño de 2020, sobre as medidas de prevención, a actividade deportiva federada en Galicia estivo permitida e a que a incidencia do covid-19 “é inferior no deporte federado que na poboación en xeral”, como se observou nun estudo realizado en colaboración coas federacións deportivas e a Xunta.

E, neste senso, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou onte que o Goberno galego ten pendente a decisión sobre a posible retirada da máscara nos recreos dos centros educativos, un paso que en Madrid –segundo anunciou tamén onte a presidenta, Isabel Díaz Ayuso– darase xa desde este luns 25.

No caso galego, Rueda revelou que se realizará unha consulta, a través dos servizos xurídicos da Xunta, para determinar se retirar a máscara nos recreos é “viable xuridicamente”. “Se é viable xuridicamente, someteríase a decisión do comité clínico”, insistiu Rueda, quen concluíu que serán os expertos sanitarios os que teñan a última palabra.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tamén se pronunciou sobre o tema, e ve posible retirar a máscara no recreo dos colexios se os datos de  contagios e a lexislación permíteno.

“Está claro que en interiores non o permite e estamos a ver se legalmente hai algunha posibilidade. No caso de que houbese algunha posibilidade legal –entendo que si porque Madrid fíxoo– pasariámolo ao comité clínico de saúde para que nos diga se o considera prudente ou non”, afirmou Feijóo tras o encontro mantido este xoves en Madrid coa vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribeira. 

Máis alivio

E, ademáis da máscara no deporte federado, que outras cousas cambian a partires de mañá co levantamento da emerxencia sanitaria? Pois ben, a Xunta decidiu recuperar os aforos ao 100% en todas as actividades que aínda non o fixeron, principalmente hostalería e lecer nocturno, nas que se vai a ampliar entre media e unha hora o horario de peche. 

Deste xeito, as cafeterías e restaurantes poderán abrir ata as 1:30 as noites dos venres e os sábados; os pubs poderán pechar ás 4:30, tamén as fins de semana, e as discotecas e salas de festa amplían o seu horario ata as 5 horas todos os días da semana, informou o vicepresidente primeiro da Xunta. 

Rueda comunicou as novas medidas tras a reunión do Consello de la Xunta, na que tamén se deu o visto e prace a levantar algunhas restricións que quedaban pendentes nas residencias sociosanitarias, de modo que os usuarios poderán saír como antes da pandemia e tamén recibir visitas, aínda que continuará a cita previa. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com