Muralla Lugo Muralla Lugo

Fomento culpa á Xunta de que a Muralla de Lugo non estea sinalizada nas autovías de Lugo

O Ministerio de Fomento vén de responder ao deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que “actualmente non lle corresponde ao Ministerio a sinalización dos destinos turísticos”.
Engade na súa resposta por escrito á demanda de Fernán Vello de mellorar a sinalización da Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade, que “o Manual do Sistema de Sinalización Turística Homologada nas estradas estatais establece que a instalación, conservación e mantemento de todos os sinais (novos e existentes) corre a cargo dos interesados, non do Ministerio”, en clara alusión á Xunta.
Ao deputado de En Marea chámalle a atención esta resposta do Executivo na que “ao tempo que recoñece que autovías como a A-54 non contan con sinalización de destino Lugo, estrada estatal, nega que lle corresponda”. Miguel Anxo Fernán Vello presentou hai meses senllas iniciativas parlamentares para solicitar a Fomento a instalación de paneis informativos sobre a Muralla de Lugo nas estradas de titularidade estatal como a A-6 e a A-8, tal e como se fai noutras partes do estado en relación a monumentos ou cidades Patrimonio da UNESCO.
Neste sentido, o deputado de En Marea resalta que “hai poucos días vimos de coñecer que a Muralla de Lugo está entre os mellores monumentos romanos conservadas no mundo. Non poñer en valor este feito é un erro”. Para o deputado de En Marea, “o lóxico é que Fomento se ocupe da sinalización das estradas da súa competencia e a Xunta nas que lle competen”.
O parlamentario de En Marea asegura “non entender que cousas tan sinxelas como situar paneis informativos sobre a Muralla Lucense en estradas como a A-6, a A-8 ou a A-54 (todas estatais), teñan que ser obxecto de “escapismo” por parte do Ministerio”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com