" />

Formados máis de 700 profesionais en plans de igualdade, fenda salarial e prevención do acoso sexual

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un novo curso da Xunta de formación básica en igualdade laboral, que conta con 722 participantes. Durante oito horas abordarase a negociación dos plans de igualdade nas empresas e outras cuestións que inciden na realidade laboral das mulleres como o acoso ou a desigualdade retributiva.

“A desigualdade laboral é quizais a máis difícil de erradicar, porque está directamente relacionada coa maternidade e as responsabilidades familiares como consecuencia directa”, indicou a directora xeral na apertura do curso. A Xunta traballa, segundo matizou, para que se melloren as súas condicións laborais, de promoción e de salario.

“Os poderes públicos estamos obrigados a tomar decisións e educar á sociedade para adoptar comportamentos que promovan o fin das desigualdades entre mulleres e homes”, encaixou Mancha, convencida do importante papel da formación en materia de igualdade a nivel transversal.

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ten na igualdade laboral unha das súas máximas. A Xunta está a arbitrar medidas que impulsen un coñecemento o máis profundo posible sobre estes temas.

Mancha enxalzou o papel das representacións legais dos traballadores e organizacións sindicais na necesaria negociación dos plans laborais para esixir “todo o posible” para que a igualdade sexa unha realidade nas organizacións empresariais e que se faga “xustiza social” coas mulleres. Á súa vez indicou que cómpre que os interlocutores sociais “saiban tamén entender as enormes dificultades das empresas na ruptura de desigualdades estruturais” das que son herdeiras.

A Xunta, como administración responsable da xestión das políticas de igualdade, está a promover a chegada da normativa de igualdade laboral a todas as empresas e ás persoas traballadoras. A formación das persoas vinculadas ao mundo laboral está dentro dos obxectivos do Goberno galego para impulsar un emprego de calidade, atendendo á diversidade e á igualdade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo