O Foro de Igualdade ultima os actos conmemorativos do día contra a violencia machista

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, informou esta tarde de que o Foro de Participación Cidadá en materia de igualdade reunido esta mañá no Salón de Plenos abordou a organización dos actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que xirarán entorno á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias Machistas, á que cada vez se adhiren máis concellos galegos.

No marco desta iniciativa, segundo explicou a edil, estanse organizando foros de participación a través da web e a distribución de unidades didácticas nos colexios e institutos “para chegar tamén de maneira directa aos máis novos”. A maiores, o Concello prepara como en ocasións anteriores a lectura dun manifesto reivindicativo e diversas actividades socioculturais.

Entre as propostas formuladas polos grupos políticos da oposición, figura a organización de mesas redondas cos alumnos e alumnas dos institutos en horas lectivas, unha iniciativa que lles será exposta aos centros educativos a partir de mañá mesmo, cando empezan os obradoiros en igualdade que organiza o Concello nos IES.

No marco deste compromiso coa sensibilización dos mozos e mozas, tamén se ofrecerán contacontos na biblioteca  municipal, para a cal, indicou González Abelleira, o Concello seguirá adquirindo libros que fomentan a educación en igualdade.

Asemade, a Concelleira lembrou que segue aberto o prazo para os certames de deseño gráfico, narrativa e fotografía que convocou o Concello para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes e para difundir a importancia de acabar coa lacra das violencias machistas. Os deseños, fotografías e narracións serán enviadas á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata as 13:00 horas do día 20 e 27 de outubro, e do 1 de decembro, respectivamente. O primeiro premio para os dous primeiros certames é de 600 euros e no de narración, para a categoría de 12 a 14 anos, un premio valorado en 200 euros e no de 15 a 18 anos, de 250.

Campaña no San Froilán

Precisamente este Foro de Igualdade, foi o lugar elixido pola voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, para criticar a escasa visibilidade da campaña levada a cabo polo goberno local durante a celebración das festas patronais en contra da violencia machista e para promocionar un San Froilán libre de sexismosA voceira da formación lamenta que tódolos esforzos do goberno na materia “quedasen reducidos á colocación de varios panfletos na caseta do feiral correspondente á Oficina de Información”. A voceira de Lugonovo reprochou que non foi posible ver en ningún outro punto da cidade estes carteis en contra da violencia machista.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo