‘Galicia Sabe’, o mapa con máis de 2000 recursos enogastronómicos galegos

A Xunta pon en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos.

É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel e que hoxe presentou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, nun acto celebrado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei.

Segundo o responsable de Cultura e Turismo, este proxecto –que será compartido co sector para o seu uso profesional– permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.

Precisamente, Román Rodríguez salientou que tanto esta como o resto de accións incluídas ao abeiro da estratexia Galicia Sabe suporán un “verdadeiro impulso” para a enogastronomía galega, que na actualidade constitúe a segunda razón pola que os visitantes chegan a Galicia.

Entre as novidades que inclúe este proxecto destacan, por unha banda, accións para o recoñecemento e protección do sector enogastronómico da nosa terra. Entre esas iniciativas destaca o impulso á declaración da gastronomía como patrimonio cultural inmaterial galego, unha distinción que recoñecerá o “peso e valor incalculable” que ocupa a enogastronomía dentro da cultura e sociedade de Galicia.

Ademais de promover esta declaración, Galicia Sabe favorecerá a elaboración da chamada Memoria do Sabor, unha guía do “enorme patrimonio culinario de Galicia” que exercerá como recompilación de costumes, produtos, prácticas culturais ou receitas que definen a cociña de Galicia.

O segundo dos eixos desta folla de ruta pasa por impulsar o coñecemento, a formación e o I+D+i vinculado á gastronomía con accións como a creación do Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia. Neste eido, a estratexia Galicia Sabe inclúe tamén entre as súas liñas de acción o proxecto de renovación do Centro Superior de Hostelería de Galicia para convertelo nun polo de innovación tecnolóxica coa creación do novo grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira en colaboración coa USC e a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendedora neste sector.

Ademais, esta folla de ruta para potenciar a enogastronomía galega permitirá impulsar itinerarios e rutas arredor de produtos agroalimentarios con identidade e tradición, amparados por Denominacións de Orixe, Identificacións Xeográficas Protexidas ou outras marcas de calidade. A primeira delas será a Ruta do Mel e do Queixo, un proxecto piloto ao redor destes produtos que nesta proposta inicial percorre 13 concellos da provincia de Lugo.

No marco desta liña de actuación, a Xunta promoverá ademais a renovación e mellora das festas enogastronómicas galegas. Neste eido, traballarase de xeito conxunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dunha ordenanza tipo que permita harmonizar os criterios organizativos e estéticos destas festas.

Un sector “referente” dentro e fóra de España O responsable de Cultura e Turismo da Xunta destacou que esta batería de medidas incluídas ao abeiro da estratexia Galicia Sabe permitirá “fortalecer” o sector enogastronómico da Comunidade, que cualificou como un dos “piares” do modelo turístico galego pola súa capacidade por atraer poboación a toda Galicia e polo seu efecto “desestacionalizador”, permitindo atraer visitantes durante todo o ano.

Precisamente, lembrou que a Xunta leva realizado un intenso traballo no impulso e fortalecemento das potencialidades da enogastronomía galega. Entre esas accións citou o Plan de Dinamización das comarcas vitivinícolas que conta cun investimento de máis de 750.000 euros ou as axudas por 1,2 millóns de euros aprobadas a semana pasada para a mellora e modernización de aloxamentos turísticos e que este ano inclúen tamén os establecementos de restauración.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com