GaliciaDigital vén de poñer en marcha a nova web do proxecto Manuel Rodríguez López, na que se reflicten a vida e a obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.
Esta nova web supón unha profunda transformación respecto á plataforma anterior, un cambio encamiñado a adaptala ás novas tecnoloxías e ás tendencias actuais en deseño web. Así, a día de hoxe podemos anunciar que contamos cunha nova web cun deseño gráfico totalmente renovado, adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles, e cunha nova estrutura da información almacenada, que pretende facer que a web sexa máis accesible.
Esta web forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, coa colaboración do Colectivo Egeria e o apoio da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), o Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, e a Real Academia Galega. O proxecto compleméntase con diversas publicacións, como o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois” e cunha exposición itinerante que percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros.