Garda Civil e Policía Nacional intensifican os controis con motivo da Semana Santa

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que analizou o dispositivo de seguridade establecido na provincia con motivo da Semana Santa en cumprimento da normativa da Xunta sobre a COVID-19. A xuntanza, que tivo lugar por vía telemática,  contou coa participación, tamén, de mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Isabel Rodríguez explicou que durante a Semana Santa as forzas e corpos de seguridade intensifican os controis, nos que teñen establecidas como prioridades a vixilancia do peche perimetral de Galicia e o cumprimento do Plan de Hostalaría Segura. O dispositivo de seguridade está composto por Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local, que traballan en coordinación.

A subdelegada informou tamén de que nos últimos sete días, desde a anterior reunión do CECOR, que tivo lugar o mércores pasado, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 993 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, as forzas de seguridade do Estado efectuaron 668 controis que contaron coa participación de 1.187 axentes. En total durante esta semana, desde o día 24 ata o 30 de marzo, a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 7.759 persoas, controlaron 6.376 vehículos, formularon 230 propostas de sanción e realizaron 1 detención.

A subdelegada agradeceu as forzas e corpos de seguridade da provincia a súa implicación e traballo continuado no seguimento da normativa contra a pandemia que establecen as autoridades sanitarias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com