O Grupo Operativo GO YesWeCast celebrou en Monterroso unha xornada técnica centrada no futuro da castañicultura en Galicia, reunindo profesionais, investigadores e representantes do sector para analizar os principais retos e oportunidades do cultivo do castiñeiro.
Durante o encontro abordáronse cuestións como a necesidade de contar con planta certificada e de calidade, a aplicación de novas tecnoloxías na produción en viveiro, a situación actual do sector e a importancia do coñecemento xenético das variedades e dos portaenxertos para garantir un cultivo máis competitivo e sostible. A xornada tamén incluíu unha mesa redonda para compartir experiencias e unha visita técnica a unha explotación ecolóxica de castiñeiros de Alibós Galicia.
O proxecto GO YesWeCast ten como obxectivo conservar e recuperar o xenoma ancestral do castiñeiro destinado á produción de froito, co fin de mellorar a súa resiliencia fronte ao cambio climático e ás ameazas fitosanitarias. A iniciativa desenvólvese en varias comunidades autónomas e está financiada con fondos do FEADER e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
.






