Goberno de ‘Cooperación’

A Real Academia Española, a que “limpa, fixa e da esplendor” ao idioma, integra nos seus sillóns aos especialistas máis notables das diversas ramas do saber para que en todas elas o idioma español progrese axeitadamente. Pois supoño que tomarán boa nota, e desta integrarán ao Presidente en funcións do Goberno, que ven de inventar un novo tipo de Goberno, o de “Cooperación”, que parece ser vai tomar carta de natureza.

Sabíamos de gobernos de Concentración, bipartitos, tripartitos, de penenes, ata de “Salvación nacional” para casos de emerxencia ou de extrema gravidade pero é a primeira vez que se fala dun goberno de Cooperación defendido con toda naturalidade por altos dirixentes do Psoe como se fose algo que figura en todos os manuais políticos e ata o de agora non tivésemos reparado nel.
Goberno de Cooperación

O de Cooperación, gobernos e institucións reservábano para temas de axuda aos máis desfavorecidos do terceiro mundo, e así hai unha obriga moral para os estados de reservar unha parte do produto interior bruto, coido que o 0,7%, para a cooperación internacional, de xeito que con cargo a ese capítulo, directamente ou a través de ONGs, os países poderosos, do primeiro mundo, emprenden accións para intentar elevar o nivel de vida de lugares normalmente conflictivos, de xeito que mellorando a súa situación diminúa o perigo dos aluvións de inmigrantes a Europa.

Todo indica que esto da “Cooperacion” política é para non recoñecer que se pide axuda a Podemos para que o Psoe poida acceder ao goberno de España, entre outras razóns porque a mención da alianza con esa forza política produce urticaria entre os militantes do Psoe, e en xeral a todos nos pon en garda a posibilidade de que Pablo Iglesias sexa o próximo Ministro de Hacienda.

Volvendo á “Cooperación” como axuda dos países occidentais aos que se pretende axudar a desenvolverse, plantéaseme unha dúbida: É Podemos o poderoso que axuda –cooperando- a que os pobriños do Psoe gobernen España nos próximos catro anos, ou o poderoso Psoe o que coopera para que o pobriño Pablo Iglesias salve os mobles agora que os votos lle son esquivos.

Así e todo, parodiando a Francis Bacon, podemos concluir que “Coopera, que algo queda”, xa que a cooperación para ninguén vai ser gratis. Tampouco para todos nós.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo