O Igape axuda a 600 empresas e particulares con 17M€ na provincia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo balance en rolda de prensa da actividade desenvolvida polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) na provincia de Lugo ao longo do ano 2017.

Alí explicou que esta axencia ten como misión apoiar todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento de empresas. Para iso utiliza distintas ferramentas: desde apoios económicos directos (axudas, avais e préstamos) ata distintas labores de asesoramento.

Balseiro explicou que durante 2017 o Igape en Lugo resolveu 571 solicitudes de apoio, nos distintos programas, que permitiron mobilizar preto de 17 millóns de euros. Así outorgou axudas directas por valor de 3,6 millóns de euros, concedeu préstamos a empresas por valor de 1,8 millóns de euros e avais ao tecido empresarial da provincia por importe de 516.250 euros. “Estas cifras ofrecen unha magnitude do apoio e do compromiso que a Xunta ten con esta provincia, chegando a case 600 empresas e particulares lucenses”, dixo Balseiro.

O delegado tamén destacou as liñas dirixidas exclusivamente a particulares, dentro do programa para adquisición de material e pezas de cociña e baño, nas que participou o IGAPE tamén como compromiso coa revitalización dos profesionais e do sector dos materiais de construción. Foron na nosa provincia 391 solicitudes, con 233.000 euros en axudase e máis de 1,2 M€ de impacto directo, grazas á compra do material.

Balseiro presentou o novo mapa de apoios do Igape, unha nova guía dirixida a autónomos, emprendedores, pemes e grandes empresas que recolle nun único documento todas as axudas que a Xunta, a través do Igape, ofrece ao tecido empresarial galego, tanto os apoios e recursos como o calendario das convocatorias para que se poidan planificar.

“O Goberno galego non quere que ningunha iniciativa empresarial quede sen desenvolver por falta de axudas. E para iso é indispensable coñecelas. E, por iso, o Mapa aglutina os apoios dispoñibles para a creación de empresas, para o seu crecemento e consolidación, para a súa expansión internacional, así como as ferramentas para axudarlles no seu financiamento”-dixo Balseiro.

Con estes instrumentos, a Xunta trata de seguir contribuíndo a que Lugo sexa capaz de seguir medrando e xerando emprego de calidade. Todos estes apoios sumados á nova Lei de implantación empresarial permitirá crear o clima propicio para o desenvolvemento das empresas.

“Inclúe axudas para apoiar ademais todo tipo de empresas: desde as de nova implantación, como para aquelas que xa existen, queren medrar ou precisan dun apoio puntual para superar unha situación de dificultade. Buscamos facer de Lugo un lugar máis propicio para crecer”-rematou

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com