Igualdade valoriza en Chantada o papel das Entidades Locais na loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe na Casa da Cultura de Chantada (Lugo) a segunda xuntanza da mesa de coordinación contra a violencia de xénero deste municipio, acto que aproveitou para valorizar a utilidade destes órganos interinstitucionais na detección precoz, na resposta áxil ante a violencia de xénero e na sensibilización no eido local en materia de igualdade.

Estas mesas locais son instrumentos operativos nos que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, “co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración dos dereitos que supón esta lacra”, especificou López Abella.

Así, tal e como relatou a secretaria xeral, favorecen a detección precoz dos casos, optimizan a coordinación dos axentes locais e ofrecen atención e resposta áxil ás vítimas. Ademais de mellorar a protección nos casos que presenten alto risco, subliñou, tamén se encargan de informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á sociedade.

“A coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero”, remarcou López Abella en Chantada.

A Xunta recoñece ás entidades locais un papel relevante como transmisoras do valor da igualdade. As mesas interinstitucionais constitúen bo exemplo de coordinación entre a Administración autonómica e a Administración local. A ambas as dúas únelles o compromiso de garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Neste camiño, o Goberno galego ten por obxectivo intensificar o traballo das mesas locais contra a violencia de xénero nos concellos que xa están constituídas (76 entidades locais) e axudar á súa constitución naqueles concellos nos que aínda non a teñen creada. Esta posibilidade está aberta no caso dos 215 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Para favorecela, a Secretaría Xeral da Igualdade ten ao seu dispor cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com