Eolicos

Inicio do proxecto para a construción da A-82 de Barreiros a San Cibrao

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anuncia o inicio do proxecto para a construción da autovía A-82, de Barreiros a San Cibrao, no tramo correspondente ao municipio de Foz. Así llo comunicou hoxe nunha xuntanza mantida na Coruña o xefe da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, con quen se reuniu para abordar asuntos relacionados co PXOM de Foz.

O rexedor explicou que “hoxe vimos de recibir unha moi boa nova da man do xefe da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, co que tivemos unha xuntanza para falar do PXOM de Foz, pero a boa nova  refírese a outro asunto importante, como é ese inicio por parte de Fomento do proxecto do corredor da A-82 dende Barreiros a San Cibrao, no tramo que lle corresponde ao noso concello e polo que tanto loitamos”.

Javier Castiñeira subliñou o traballo realizado “tanto polos deputados do PP como polos alcaldes da anterior lexislatura así como eu nestes últimos meses, reuníndonos incluso co secretario general de Infraestructuras do Estado, Manuel Niño. Todas estas xestións deron o seu froito e a partir de mañá iníciase o proxecto para ese tramo de Foz. É a primeira pedra dunha infraestrutura tan necesaria coma o tramo do Corredor da Mariña, de Barreiros a San Cibrao. Estamos a falar dun treito moi necesario que soporta máis de 10.000 vehículos, a través da N-642, en inverno e máis de 15.000 no verán, tal e como estamos a comentar durante estes días”.

O alcalde focense sinalou que “o proxecto definitivo e a redacción do mesmo farase xa desde mañá. Os responsables do proxecto, cos que tamén tivemos o pracer de estar no día de hoxe, vanse poñer a traballar; e a partir de agora imos loitar porque esta infraestrutura se adapte ás necesidades do noso pobo. Faremos chegar todas as inquedanzas dos nosos veciños e, por outro lado, solicitaremos que haxa xa partidas orzamentarias para o ano que ven co obxectivo de que, unha vez rematado o proxecto, se inicien canto antes as expropiacións correspondentes e que dean comezo as obras desta importante estrada para A Mariña”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com