" />

Isabel Rodríguez destaca que o reto demográfico constitúe unha das liñas estratéxidas do novo Goberno

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, sinalou hoxe o reto demográfico como unha das liñas estratéxicas nas que traballará o Executivo de Pedro Sánchez neste mandato na reunión que mantivo hoxe coa plataforma Galicia Baleira formada por asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense. A subdelegada recibiu ao colectivo encabezado polos presidentes das dúas federacións veciñais, Jesús Vázquez, e Manuel Mosquera.

Isabel Rodríguez destacou que o Goberno comparte a preocupación desta plataforma polo problema de despoboamento que sofre a Galicia interior, igual que outras provincias de España e destacou que”para nós esta é unha prioridade na nova lexislatura, proba delo é que no novo Goberno esta cuestión ten rango de vicepresidencia xa que, como sabedes, o presidente Sánchez encomendoulle esta responsabilidade, xunto á de Transcición Ecolóxica, á vicepresidenta Teresa Ribera”.

A subdelegada engadiu que na anterior lexislatura o Goberno de Pedro Sánchez xa contaba con unha comisionada para o Reto Demográfico, pero “dada a relevancia deste problema para o futuro de moitas provincias como as de Lugo e Ourense, o presidente deciciu aumentarlle o rango e dentro da vicepresidencia, creouse unha secretaría xeral para o Reto Demográfico, que se vai ocupar do deseño das políticas do Goberno en materia de loita contra o despoboamento, cargo para o que o Consello de Ministros acaba de nomear, este martes a Elena Cebrián”.

Rodríguez eloxiou a iniciativa das asociacións veciñais de implicarse neste problema e animounos a facer propostas e suxestións porque “é problema de gran magnitude e de que saibamos facerlle fronte dependerá o futuro do noso país, non só das provincias que agora sofren máis o problema do despoboamento, senón que vai condicionar o  desenvolvemento, o medio ambiente, o urbanismo e o futuro de España no seu conxunto”.

Recepción no Concello de Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, tamén recibía esta mañá no Concello ás e aos integrantes da Plataforma Galicia Baleira de Ourense e Lugo. Durante o acto, a rexedora destacou que Lugo non é alleo a esa problemática “xa que, dos 330 km de superficie que ten o noso concello, máis do 80% é zona rural e, por tanto, sabemos moi ben as dificultades que supón prestar servizos e dotar de infraestruturas aos núcleos e o esforzo que conleva en condicións de dispersión xeográfica e poboacional como a que nos afecta, pero non por iso hai que deixar de facer eses investimentos para acadar que toda a veciñanza, resida na capital ou nas parroquias, teña os mesmos dereitos e oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida alí onde considere”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo