A Universidade de Santiago de Compostela abriu o prazo de matrícula para participar no IV Encontro Álvaro Cunqueiro, unha das actividades incluídas no programa da Universidade de Verán 2026. O encontro desenvolverase os días 27 e 28 de xuño no Pazo de Santomé, en Mondoñedo, e ofrecerá un total de 16 horas lectivas.
As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula ata o vindeiro 12 de xuño, tanto de maneira presencial no Colexio de San Xerome, en Compostela, e no Edificio Intercentros do Campus de Lugo, como a través da sede electrónica da USC.
O prezo xeral da inscrición é de 70 euros, aínda que existe unha tarifa reducida de 40 euros para alumnado, persoas pensionistas, desempregadas, integrantes do programa Alumni USC, así como para o Persoal Docente e Investigador (PDI) e o Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS) da universidade.
O programa do encontro combinará contidos académicos con actividades culturais relacionadas coa figura de Álvaro Cunqueiro. Entre as propostas previstas inclúese un roteiro cunqueiriano polos espazos máis vinculados ao autor en Mondoñedo e tamén un concerto que complementará a programación formativa.
O IV Encontro Álvaro Cunqueiro conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e da Deputación de Lugo.






