IX Edición do Campo de Traballo Internacional na comarca dos Ancares

A Asociación Castaño y Nogal presentou ao alcalde de Becerreá, os traballos e actividades da IX Edición do Campo de Traballo Internacional que organiza anualmente para a conservación, mantemento e promoción da Ruta Quintá-Río Donsal, en Cancelada, contorna dos Ancares.

Participan, ademais de membros da organización, voluntarias de Italia e España, así como cooperantes locais e algún octoxenario como Manuel Fernández, que xa o fixo en anteriores edicións. Nas oito edicións celebradas nos meses de agosto dos anos 2010-2017 participaron  un total de 71 voluntarios de 17 países e 4 continentes, así como cooperantes locais e nacionais. A rehabilitación desta Ruta puxo ao descuberto, accesible e transitable un tesouro natural e riquezas etnográficas antes ocultas pola maleza como: fervenzas, soutos de castiñeiros milenarios e centenarios de carballos, ouriceiras, muíños de auga, minicentrais eléctricas, castros, construcións típicas rurais, vexetación autóctona que configuran unha paisaxe e unha natureza en estado puro, que é –agora- un dos atractivos para os senderistas. O traballo prol-ambiental e cultural na zona de Cancelada e en redes sociais é hoxe unha referente dignificación, dinamización e sensibilización rural exportable dunha zona con caída e envellecemento de poboación de núcleos, que puxo en valor o que alí había de singular, e que agora atrae a senderistas nacionais e estranxeiros, favorece o turismo rural, deriva en sensibilización sobre rehabilitación de construcións típicas. A ruta foi homologada pola Federación Galega de Montañismo o 19 de decembro de 2013.

Ademais dos traballos propios no carreiro, os voluntarios participarán en talleres orientados á difusión da gastronomía e cultura artesanal da zona de Cancelada. O martes 21 de esgoto ofrecerán unha rolda de prensa no Gran Hotel de Lugo, ás 17:00 h. con participación do presidente, director técnico e voluntarios.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com