" />

Jaime Castiñeira promete creará un pacto contra a pobreza e a exclusión se é elexido alcalde

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou este mediodía que, se é elixido alcalde, creará un pacto contra a pobreza e a exclusión “para que ninguén quede fóra na saída da crise”.

Entre as medidas que forman parte deste programa, que hoxe lles presentou a unha vintena de colectivos sociais cos que se reuniu no centro social da Milagrosa, o popular aludiu á axilización do tempo de atención e á tramitación de axudas básicas coa reorganización dos servizos sociais municipais; á posibilidade de aprazar o pago dos recibos municipais naqueles casos de familias que se atopen en situación de risco ou emerxencia social; á creación dun convenio marco de apoio ás familias para conseguir alternativas que permitan cubrir situacións de endebedamento e outras necesidades ás que o Concello non poida dar resposta; e ao establecemento de programas integrados de emprego para persoas ou colectivos de díficil inserción.

Ademais, os populares crearán un Plan de prevención e detección de risco e exclusión da infancia nas escolas “co obxectivo de combater estas situacións”, para o que anuncian un incremento da liña de axudas para libros, promovendo becas especiais para material escolar, ao tempo que se establecerá unha liña específica de Becas comedor e produtos alimenticios para garantir unha dieta equilibrada nos máis novos.

Jaime Castiñeira indicou tamén que o seu proxecto de cidade contempla favorecer o acceso á vivenda con medidas como o incremento nas axudas ao aluguer e a creación dunha nova liña de axudas para o pago de fianzas en alugueres, adaptación funcional da vivenda e a adquisición de mobiliario e electrodomésticos básicos. Asemade, o popular anunciou que reservá unha porcentaxe das axudas para o persoas con discapacidade, promovendo a accesibilidade no domicilio.

Jaime Castiñeira insistiu no seu compromiso de acadar un Lugo “máis accesible e inclusivo” con propostas como a elaboración de plans de accesibilidade e inclusión municipais, a mellora na accesibilidade da administración local, ou a promoción do autoemprego, accións especiais de orientación e intermediación laboral e de inclusión para persoas con discapacidade, para as que tamén se ampliará a reserva legal de emprego tanto no acceso ao emprego público como nas bases dos pregos de condicións municipais.

Ademais, os populares propuxeron a creación dun observatorio das necesidades sociais de Lugo que permita definir problemáticas e necesidades detectadas, “e o que é máis importante estratexias de resposta a elas grazas a un mapa dos recursos existentes”.

Castiñeira comprometeuse diante das asociacións sociais a realizar un traballo en rede e coordinado coas entidades e cos diferentes axentes sociais, así como a empregar as ociotecas como un servizo de conciliación e inclusión e a definir unha estratexia de acción para a promoción da convivencia e a loita contra a violencia en todas as súas formas. “Falamos, en definitiva, de conciliar a vida persoal, familiar e laboral”, subliñou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo