Lara Méndez anuncia a ampliación das sondaxes arqueolóxicas no Carme, tralos achados das primeiras catas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a ampliación das sondaxes arqueolóxicas no barrio do Carme. Fíxoo durante unha visita ás dúas parcelas nas que se levaron a cabo as primeiras catas, situadas fronte á igrexa e á Sala de Exposicións Porta Miñá, á beira da rúa do Carme e do Camiño Primitivo de Santiago.

Deste xeito, a rexedora subliñou que “consideramos de interese a continuación e ampliación das sondaxes realizadas, xa que os restos exhumados nestas dúas catas, fundamentalmente os pertencentes a unha edificación romana, permiten aproximarnos ao urbanismo fundacional de Lucus Augusti”. Neste senso, apuntou que, aínda que a cidade dispón de gran cantidade de escavacións arqueolóxicas, “son necesarios aínda traballos dedicados á restitución da malla urbana fundacional, datable en época augusta e julio-claudia”.

Traballos

O pasado 1 de marzo comezaron os traballos de escavación, que ocuparon unha superficie de 65 m2 e que tiveron un resultado positivo, xa que se exhumaron unha serie de estruturas correspondentes a diferentes etapas históricas. A principal estrutura descuberta vincúlase cunha edificación romana, exhumándose varios muros que conforman unha estrutura rectangular pertencente a unha edificación aínda sen definir totalmente, pero na que se aprecia un ambiente de servizo focalizado pola presenza dunha cociña que, ao mesmo tempo relacionábase con outro espazo ou habitación cuxa funcionalidade pode ser diversa: almacén ou espazo produtivo.

Visitas guiadas

Para achegar os descubrimentos destas catas á cidadanía, o Concello de Lugo organizará visitas guiadas co arqueólogo municipal. As primeiras celebraranse este sábado, día 24, ás 12.00 horas e as 17.0 horas, en grupos de 8 persoas debido ás restricións sanitarias. As visitas poderanse ampliar se existe moita demanda. Os interesados poden inscribirse no seguinte correo dusilugo@lugo.gal ou chamando ao teléfono 982297266.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com