Lara Méndez anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes que duplica a superficie de servizo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto co edil de Medio Ambiente da localidade, Miguel Fernández veñen de presentar o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio. Un prego que abrangue o coidado integral dos parques e espazos axardinados da cidade baixo parámetros de sostibilidade e calidade ambiental e que, por primeira vez, segundo indicou a rexedora, “inclúe directrices contundentes sobre o control que o Concello exercerá para avaliar o cumprimento e a execución das tarefas”. 

Lara Méndez deu conta dos detalles máis destacados da adxudicación, cuxas bases foron aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno, trámite co que se inicia o procedemento de contratación. Unha licitación coa que se duplica a superficie que quedará atendida “pero tamén e, por tanto, multiplica o seu custo que chega aos 3,6 millóns de euros ao ano”. 

A rexedora explicou que o contrato, que terá unha duración de cinco anos, improrrogables, abrangue a totalidade de traballos de conservación e limpeza das zonas verdes; facendo fincapé, especialmente, no que ten que ver co seu aseo, mantemento e reposición inmediata de especies e elementos do mobiliario urbano co obxectivo, dixo Méndez, “de que o bo ornato sexa permamente e que se acade baixo premisas sustentables e ecolóxicas”.

v

“A súa entrada en vigor será un antes e un despois para a cidade, en tanto a licitación actual, que databa do ano 2013, deixaba fóra importantes parques como o de Marcos Cela, os polígonos empresariais ou as inmediacións do Pazo de Feiras cuxo acondicionamento supoñía un sobre custo para as arcas municipais”, referiu a alcaldesa.

Lara Méndez apuntou que, “para a elaboración das bases tivéronse en conta, dende o punto de vista técnico, factores como a propia climatoloxía, que resulta un condicionante á hora de acometer en prazo labores como a roza, con repercusións directas sobre o crecemento da vexetación á que tamén lle afectan outras circustancias como o feito de que non esteamos a empregar produtos agresivos que, se ben protexen o ecosistema, por outro lado facilitan a súa proliferación”.

A rexedora debullou, a continuación, as obrigas recollidas no prego, elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns, para conservar as zonas verdes en perfecto estado vexetativo, botánico, fisiolóxico, ornamental, estético e paisaxístico.

“Unha máxima que debe cumprirse en todos e cada un dos espazos verdes cos que contamos e non só no que atinxe ás especies arbóreas, setos, plantas ou xardineiras, senón tamén con todo o mobiliario urbano que conteña, incluídas as fontes ou os estanques e mesmo o estado que presente o pavimento, exercendo así unha revisión e atención integral a toda a área”, engadiu a rexedora.

Méndez avanzou igualmente que, por primeira vez, establécese un procedemento de avaliación continua para, a través de distintos parámetros, se poida establecer unha supervisión sistemática coa que detectar calquera desviación sobre os resultados esperados e, finalmente traducir a “non calidade” nun índice ou nota que terá repercusión nos pagos mensuais que se realicen á empresa.

“O obxectivo é poñer límite á falta de dilixencia na resolución das incidencias que se comuniquen e reservar a tramitación de expedientes sancionadores só para aqueles supostos máis graves”, matizou a rexedora ao tempo que anunciou que o Concello destinará unha partida anual de 100.000 euros para cubrir os actos vandálicos que se sucedan. “Ademais dotarémonos dun servizo de ronda e vixilancia para tratar de disuadir este tipo de condutas”.

A alcaldesa lucense comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan tamén os canís e os espazos verdes de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.

Mencionou, neste senso, a nova área na unidade de actuación CS-5 (Garañón); a parcela do antigo Hospital Xeral; os espazos públicos xa existentes no barrio de O Carme e os que se prevén incorporar; a ampliación do polígono industrial de As Gándaras e as zonas verdes en xeral, resultantes da obras de peonalización e de reurbanización de diversas rúas do centro urbano.

A este respecto, Lara Méndez incidiu especialmente na atención que se lle dará ao Parque Rosalía de Castro, así como aos seis roteiros turísticos existentes no municipio e ás parcelas do Bosque Urbano do “LIFE” situadas entre os Polígonos Industriais das Gándaras e o Ceao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com