Lara Méndez remite un escrito a Medio Ambiente para axilizar a entrega do Auditorio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de remitir unha terceira carta á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, na que lle fai chegar as conclusións dun informe elaborado polos técnicos municipais sobre os pasos precisos que se deben dar para acelerar a recepción do novo Auditorio.

Logo de enviar anteriormente á Xunta dúas misivas nas que se poñía aos servizos municipais á súa disposición para verificar a entrega das obras, sen obter ningún tipo de resposta, a rexedora solicitoulle á edil de Gobernanza – área na que recae a inclusión deste inmoble no patrimonio municipal – que encargase un informe coas aclaracións técnicas precisas para poder seguir avanzando na materia.

Dende a suposta pronta entrega do Auditorio, anunciada pola señora Vázquez Mejuto en xuñopasaron xa máis de tres meses nos que non houbo ningunha novidade e só se realizou unha breve xuntanza técnica, moi puntual, pero sen contar coa asistencia á mesma de todos os servizos necesarios para abordar a totalidade das cuestións pendentes. E, como temos e queremos seguir avanzando, despois dos 15 anos de espera que levamos os lucenses agardando para poder desfrutar desta dotación cultural, tomamos a iniciativa de indicarlles os requirimentos que os técnicos municipais precisan para validar as actuacións que se están desenvolvendo no inmoble e proceder a recepcionar a obra”, subliñou Lara Méndez quen puxo de manifesto que o pasado venres xa lle adiantou persoalmente á conselleira o envío deste escrito no transcurso da súa visita a Lugo.

No informe elaborado polos técnicos municipais faise fincapé na necesidade de que a área de Arquitectura comprobe a adaptación da obra executada ao proxecto aprobado, como paso previo ao acto de entrega do inmoble. A institución local afirma ter coñecemento de que o edificio sufriu varias modificacións que mudaron considerablemente deseño inicialmente aprobado. Cambios que non foron informados polos servizos municipais e que obrigan á Xunta de Galicia a presentar un proxecto refundido para que poida ser aprobado polo órgano competente.

A este requisito, considerado indispensable, cómpre engadir a aportación doutros documentos que posibiliten a formalización do acto de entrega como son a acta de recepción definitiva do edificio pola Consellería competente, de conformidade co estipulado na lexislación de contratos; o certificado final de obra xustificativo de que o conxunto da obra e das instalacións se axustan ao proxecto aprobado polo Concello en data 14 de outubro de 2010 así como os informes favorables dos departamentos afectados como son enxeñería, electromecánicos, informática, parques e xardíns, bombeiros, protección civil e arquitectura.

Lara Méndez asina a misiva poñendo de manifesto, unha vez máis, a súa continúa disposición para todo o que precise a conselleira, “co principal obxecto de poder desbloquear, canto antes, a situación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com