Lela

Hai uns anos, un destacado vilalbés residente en Lugo, preguntoume quen era o músico vilalbés Rosendo Mato, e eu tiven que contestar que non sabía quen era, pero con ese apelido tiña que ser necesariamente da coñecida familia dos Mato, onde había varios destacados escritores e moitos músicos que no seu momento foron banda, logo a Orquesta Mato, e que todos en Vilalba coñecíamos por “Os Matos”.

Facendo averiguacións souben logo que Rosendo Mato nacera en Vilalba en 1914, pero pasara toda a vida –especialmente a vida musical- en Santiago, onde ademáis de saxo tenor, fora Director de Cantigas e Agarimos, da Banda de Arca, e compositor da canción “Lela”, con letra de Castelao, recollida no primeiro acto de “Os vellos non deben de namorarse” que Castelao estreou en Bos Aires en 1941 e tardaría vinte anos en coñecerse en Galicia estreándose o 25 de xullo de 1961  na praza da Quintana.

A obra de Castelao, maxistral lección sobre os desaxustes nas relacións con grande diferencia de idade, recolle a canción que o vello Saturio acompañado do coro dos boticarios lle canta a Lela suspirando: “Lela, Lela, Leliña por quen eu morro,/ quero mirarme nas meniñas dos teus ollos./Non me deixes/e ten compaixón de min./ Sen ti non poido,/sen ti non poido vivir”.

Polo que sabemos, o vilalbés Mato, compuxo a música para a peza e rexistrouna na Sociedade de Autores, e así pasaron os anos, medrando a canción en coñecemento e aprecio, sendo cantada por Dulce Pontes, por Rosa Cedrón, por cantantes consagradas ou por interpretes noveles… conseguindo sempre emocionarnos porque letra e música enlazan directamente, conquistándonos, coa nosa memoria racial, co chip invisible que os galegos temos implantado desde o comezo dos tempos.

Outro músico disputou, anos despois, a autoría da peza, sen que os xulgados deran resolto un conflito no que os vilalbeses somos parciais por coñecer a historia dos Matos, do que representaron na nosa historia cultural. E porque despois de mortos tanto o noso veciño como o que se arrogou despois a autoría da peza, a discusión non ten máis sentido que a do cobro dos dereitos de autor. Pero aquí falo de gloria, de Lela, dos músicos de Vilalba, de onde saliu Rosendo Mato

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo