Os pícaros escritores

En 1980, o Colexio de Foz, que dirixía Luís Cordeiro, publicou os libros “Os pícaros escritores” e “Picaraxadas”, con traballos de alumnos que, por certo, se distinguían nos certames aos que concorrían. Compre dicir, coñecendo o significado da palabra “pícaro”, que alomenos da Terra Chá para arriba os pícaros son os nenos.

A clase política de Lugo anda alterada por ter estoupado o pote que cocía o caldo local, e nos medios que acollen colaboracións, tirios e troyanos esgrimiron as súas armas en apoio das respectivas posturas, por se alguén non tivera tomado postura previa.

Se lembro “Os pícaros escritores” e “Picaraxadas” – pura travesura da memoria- pode parecer que coido que os que escriben son como nenos que dicen as súas verdades, sen importar que algún pícaro se infiltre na marea. Pero estamos a falar dunha case innombrable moción de censura, contemplada na lexislación vixente, que é lóxico que se atragante aos afectados.

Xa que os votantes somos importantes unha vez cada catro anos, e sen ter en conta o de Clinton a Bush sobre o maior interese dos votantes (“É a economía, estúpido”), eu coido que a inmensa maioría, cando chega a hora, votamos máis co corazón ca coa cabeza, mentras os resultados se miden coa aritmética. Queirámolo ou non, aritmética básica, oito e cinco suman trece, o mesmo que trece suman doce máis un.

Non se traizoa o voto dos lucenses… Non votamos unha cifra. Votamos co corazón, ás veces como arroutada. E por veces non nos vemos exactamente reflectidos no resultado aritmético. Os pícaros escriben. Nós, lemos e – Celso Emilio dixit – tomamos o sol, e agardamos; a velas vir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com