O Arde Lucus celebrará a súa 25ª edición entre os días 18 e 21 de xuño cun programa que inclúe máis de 300 actividades repartidas por diferentes puntos da cidade. Baixo o lema Annus Argenteus, a festa de recreación histórica contará con desfiles, espectáculos de rúa, loitas de gladiadores, rituais, representacións teatrais, obradoiros e actividades infantís.
A programación arrancará o xoves 18 coa chegada das lexións romanas, o rito á deusa Diana e o acendido do lume sagrado de Vesta. Durante as xornadas do venres e do sábado desenvolveranse algunhas das citas máis multitudinarias, como os combates de gladiadores, as vodas castrexas, os desfiles das asociacións, os espectáculos itinerantes e as sesións do Circvs Máximvs, que este ano contará con funcións diúrnas e nocturnas.
O domingo estará dedicado ás actividades familiares e ao peche da festa, que culminará co apagado do lume sagrado e cun concerto do músico lucense Abraham Cupeiro na Praza de Santa María.
A edición de 2026 conmemora o 25 aniversario dunha celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional, que volverá transformar Lugo na antiga Lucus Augusti durante catro días.
Programa do Arde Lucus 2026 https://ardelucus.com/






