O PP provincial levará ao pleno iniciativas para reforzar os servizos de emerxencias e abrir a residencia de Becerreá

O Grupo Provincial do PP defenderá no pleno da Deputación de Lugo de hoxe varias iniciativas centradas na mellora dos servizos públicos da provincia, especialmente en materia de emerxencias e atención ás persoas maiores. Así o avanzou o voceiro popular, Antonio Ameijide, quen reclamou ao goberno provincial de PSOE e BNG que “cumpra coas súas competencias”.

Os populares levarán unha proposta para reforzar os servizos de emerxencias na provincia tras unha recente sentenza xudicial relacionada co funcionamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo. Segundo explicou Ameijide, a resolución avala a non continuidade do convenio se a Deputación non achega máis persoal, ao considerar que a institución provincial é a competente nesta materia.

Neste contexto, o PP reclamará que a Deputación impulse a recuperación dos GES nas zonas sen cobertura e que reforce o persoal, as instalacións e os medios dos parques comarcais do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

“O xulgado recorda que as deputacións deben garantir este servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes”, sinalou o portavoz popular.

Outra das cuestións centrais que o PP levará ao pleno será a situación da residencia comarcal de Becerreá. Os populares apelan a outra sentenza xudicial contraria á Deputación que, segundo indican, obriga á apertura inmediata do centro en cumprimento do convenio asinado cos veciños.

Antonio Ameijide avanzou que “o grupo defenderá tres medidas principais: acatar a sentenza e abrir de inmediato a residencia, evitar a presentación dun recurso xudicial que poida atrasar a posta en marcha do servizo e incrementar os custos para as arcas públicas, e cumprir tamén cos convenios asinados con outros concellos como Folgoso do Courel ou Portomarín para evitar novos litixios”.

Na sesión plenaria, os deputados populares preguntarán ademais polo estado de desenvolvemento do programa Geopadrón, xa que, segundo aseguran, “o prazo límite de implantación rematou o pasado 31 de marzo”.

Tamén pedirán explicacións sobre a dispoñibilidade dos terreos necesarios para executar a conexión do polígono de Cuiña, en Cervo, coa estrada N-642, un proxecto iniciado no ano 2002.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com