Lídia Senra, eurodeputada galega ven de denunciar ante a Comisión Europea que a Ponte Vella medieval de Monforte de Lemos sobre o río Cabe necesita nestes momentos “actuacións urxentes para a súa conservación e que se teñen que poñer as medidas necesarias para conseguir a peonalización, posto que non pode seguir soportando o tránsito rodado. Senra presentou esta semana un escrito dirixido á CE dando conta desta situación”.
Esta ponte é un dos monumentos máis emblemáticos da cidade. Trátase dun ben inventariado que forma parte do conxunto monumental monfortino do casco antigo, con categoría de BIC. “O Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico Artístico de Monforte recoñece que o tránsito rodado que soporta a ponte medieval monfortina excede as posibilidades do monumento, sinalando como obxectivo básico a peonalización da ponte. O estado da ponte fai necesarias actuacións urxentes para a súa conservación”, subliña Senra.
Ante esta situación, a eurodeputada pídelle a Comisión que “tome algunha medida para que os Estados asinantes do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Arquitectónico de Europa, teñan actuacións eficaces para evitar o deterioro do patrimonio arquitectónico. A Comisión Europea debería dar resposta a este escrito nun prazo de entre 4 a 6 semanas”.