Lidia Senra promoverá en Bruxelas una iniciativa para concienciar sobre a eucaliptización

A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou hoxe pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola Unión Europea (UE) como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan osmontes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que esto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente á industria do eucalipto e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo