López Penabad apela ao diálogo para acordar un Plan das Catedrais satisfactorio para todos

O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, fixo, esta mañá un chamamento ao diálogo para chegar a un acordo e rematar con este “circo mediático” que propiciou o rexedor ribadense.

Logo de manter unha xuntanza con representantes de ACISA, o popular recalcou que tan só, “a través do diálogo conseguiremos facer melloras no plan e cumprir coas demandas dos comerciantes e hostaleiros de Ribadeo”. Neste senso, deixou claro que “se levarán a cabo as modificacións correspondentes para cumprir ao 100% coas necesidades e peticións do sector da hostalería e comercio da vila”.

Lamenta López Penabad, que “un areal, que ocupa o segundo posto do ránking das mellores praias de España, que obtén o galardón de Bandeira Azul, ano tras ano, e a Q de calidade turística, estea sendo coñecido estes días por unha trifulca política, iniciada por Suárez Barcia, quen coas súas formas e comportamentos está xerando un conflito que non ten lóxica e que non nos leva a ningún sitio”.

O presidente do PP de Ribadeo, apela ao diálogo como forma de consenso e para chegar a un acordo entre todos e rematar con esta discordia. “Falando enténdense a xente e con disputas e broncas non chegaremos a ningún sitio”, manifestou.

Para o responsable do PP ribadense, o Plan de Conservación das Catedrais representa “unha necesidade para evitar a degradación do Monumento Natural e debe ser, ademais, unha oportunidade para reforzar dinamizar a economía do concello mediante unha oferta turística de calidade”.

Por ese motivo lamenta a actitude do alcalde, totalmente oposta a abrir canles de diálogo que permitirían unha aplicación do Plan acorde coas necesidades da economía local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com