Louzao chama “caraduras” a Carballo, Barreiro e De Olano por reclamar agora o Xulgado do Social

A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao cualificou de “caraduras” aos representantes do Partido Popular en Lugo por “reclamar agora un Xulgado do Social para Lugo polo que non moveron un dedo nos 7 anos que Rajoy gobernou en Madrid”.
“O Partido Popular reclama agora con insistencia un Xulgado do Social para Lugo que non foi quen de crear cando el gobernaba. Cando o señor Carballo era subdelegado do Goberno xa había a mesma necesidade que hai hoxe, o mesmo atasco xudicial e o mesmo retraso e sen embargo non lle escoitamos reivindicar coa mesma intensidade ese novo xulgado ao Goberno de Rajoy do que el formaba parte como máximo representante na provincia de Lugo”, afirmou Olga Louzao.
A portavoz de Cs Lugo engadiu que “tanto o señor Barreiro coma o señor Jaime de Olano, flamantes cabezas de lista do PP ao Congreso e ao Senado, teñen a caradura de pedir hoxe algo polo que durante eses sete anos non moveron nin un dedo no Congreso nin no Senado”.
Sobre a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, Olga Louzao afirmou que”confórmase cun sucedáneo de Xulgado do Social para Lugo porque parece maís preocupada por contentar e facer a pelota a Pedro Sánchez para que non lle cambie tamén a lista das municipais que en reivindicar as necesidades da cidade da que é alcaldesa”.
Para a portavoz de Cs, “está claro que tanto o Partido Popular como o Partido Socialista venden a Lugo e só se acordan da provincia para pedir o voto“. “En Lugo tivemos até agora a desgraza de padecer representantes en Madrid que non defenderon a provincia pola que foron escollidos”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo