" />

Lugo busca cartaz para ilustrar as festas do San Froilán

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre deu a coñecer hoxe as bases que rexerán no concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2017, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poden concorrer cantas autores e autoras o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada persoa cantas obras considere oportunas, sempre orixinais.

Os deseños, tal e como explicou a edil, contribuirán a enxalzar Lugo e as súas festas patronais. Ademais, Basadre subliñou os aspectos obrigatorios a figurar nas creaciónsLugo, San Froilán 2017; 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais existentes destas festas: Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.

Os traballos presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, sita na praza Maior, 1, 27001 Lugo, ata o mércores 31 de maio, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50 x 70 cm e con 72 ppp de resolución (1.417 x 1.984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria, e pódese facer persoalmente ou por correo postal. Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2017.

Así mesmo, se algunha persoa participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50 x 70 cm. As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

Os deseños presentados serán exhibidos nas redes sociais do San Froilán, onde se fará unha votación popular da que resultarán seleccionadas dez obras. Esta votación levarase a cabo a través do Facebook oficial do San Froilán, onde se publicarán as obras presentadas para que as e os usuarios do Facebook poidan votar polo seu preferido. As dez obras que máis votos reciban resultarán seleccionadas e o período para a votación estará aberto dende as 12:00 horas do 5 de xuño ata as 12:00 horas do 14 de xuño. Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do San Froilán e da páxina web do Concello.

Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros. Os restantes carteis presentados serán expostos nas redes sociais durante un mes. Unha vez finalizada a exposición, as e os autores terán un prazo de 15 días para recollelos; pasado este prazo, serán propiedade do Concello de Lugo, que decidirá o seu destino.

San Froilán Miúdo

No que se refire ao San Froilán Miúdo, as obras deben incluír o seguinte texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2017. Os cativos e cativas que desexen presentar a súas obras deberán entregar a súa obra tamén na área de cultura. Do mesmo xeito serán presentados de xeito anónimo, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido. O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo