Representantes do Concello de Lugo, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo reuníronse na Casa do Concello este xoves, para abordar o aumento da presenza de xabarís preto de zonas habitadas e no casco urbano. O encontro concluíu co compromiso das tres administracións de manter unha coordinación estable, identificar as zonas máis afectadas e analizar actuacións conxuntas.
As tres administracións consideran que esta situación supón riscos para as persoas e para a seguridade viaria, ademais de posibles danos en propiedades, infraestruturas e cultivos. Con todo, non facilitaron datos sobre o número de incidencias nin sobre as áreas máis afectadas.
Entre as principais medidas figura a limpeza e roza das parcelas públicas e privadas para evitar que os animais atopen alimento ou refuxio. O Concello aplicará o bando municipal que obriga ás persoas propietarias a manter os terreos en condicións adecuadas e prevé inspeccións e requirimentos en caso de incumprimento.
A Deputación ofreceu asistencia técnica, información cartográfica e colaboración nas estradas e infraestruturas provinciais. Tamén destacou o reforzo do seu Plan Provincial de Roza.
Pola súa parte, a Xunta propuxo formalizar un convenio co Concello para instalar medidas preventivas en determinados puntos. As institucións manterán aberta a coordinación, aínda que non concretaron as actuacións, o orzamento nin os prazos de execución.






