Lugo de cara ao Miño pula por recuperar para uso público a zona de baño do Club Fluvial

O Club Fluvial vén de solicitar a renovación da súa concesión de obras e de augas no dominio público hidráulico do río Miño ao seu paso por Lugo para os vindeiros 50 anos, logo de que o pasado mes de outubro vencese a súa anterior concesión. O trámite de renovación da concesión para as instalacións deportivas que se atopan na zona de servidume e de policía do río atópase en fase de exposición pública para competencia de peticións. Isto implica que ata o vindeiro 8 de marzo, calquera entidade ou particular pode presentar un proxecto ou anteproxecto para a mesma concesión que a do Club Fluvial ou formular unha petición que sexa incompatible coa da entidade deportiva. Ademais, en poucas semanas, a Confederación Hidrográfica prevé abrir o mesmo período de competencia para a concesión de augas dese treito do río Miño.

Para a plataforma Lugo de Cara ao Miño “estamos ante unha oportunidade única e irrepetible de recuperar este treito do río Miño para uso público e liberar a zona de servidume de obras que hoxe en día son cuestionables” desde o punto de vista ambiental e social. O colectivo, asegura que, no século XXI, xa non teñen cabida autorizacións ou concesións en dominio público hidráulico que traten de perpetuar para as vindeiras décadas zonas de baño privadas ou de uso exclusivo para uns poucos e obras que interrompen o acceso ou paso público á zona de servidume.

“Lugo xa ten zona de baño fluvial, pero está privatizada”

No caso concreto do concello de Lugo, e segundo a plataforma, tanto o goberno local como os grupos da oposición, están a promover de xeito desenfocado e errático a ocupación e alteración de novos treitos naturais do río Miño para a creación dunha praia fluvial pública, cando poderían estar apostando por fórmulas que permitisen o aproveitamento dos recursos xa existentes e que fosen satisfactorias para o conxunto da cidadanía.

Neste senso, Lugo de Cara ao Miño destaca que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto, o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente. “Ningunha das outras alternativas ata agora expostas polo Concello e polos grupos da oposición contan con este obrigado recoñecemento, presentando, pola contra, serias dúbidas de viabilidade, ben polo seu impacto ambiental e paisaxístico, ben pola falta de profundidade do río ou ben polas poucas garantías de seguridade das instalacións”.

O informe ambiental emitido o pasado 18 de xaneiro polo Servizo de Conservación da Natureza, da Xunta de Galicia, ao respecto das piscinas que o Concello pretende colocar no parque do Miño advirte que as instalacións ocuparían o 40% do ancho do río, en zona de correntes de auga, o que poría en risco a estabilidade dos módulos das piscinas no caso de enchentes repentinas. O informe da Xunta engade que tampouco se avalía adecuadamente o impacto paisaxístico da infraestrutura, o número de usuarios, as medidas de protección da calidade das augas, a xestión dos residuos e a biodiversidade real presente no medio, deixando nas mans do organismo de bacía a resolución da autorización do proxecto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com