" />

Lugo disporá dende este luns dos 100M€ dos Orzamentos 2020

O vindeiro luns o Concello de Lugo disporá dos novos orzamentos. “En total 100.061.680’84 euros que servirán para acometer proxectos importantes, obras comprometidas xa en anos anteriores e moi agardadas pola cidadanía que contribuirán a crear o Lugo que queremos dentro da segunda gran trasformación que planificamos para a cidade durante o mandato anterior”, subliñou a alcaldesa, Lara Méndez.

Segundo a rexedora, este novo plan do goberno local inclúe actuacións como a substitución das canalizacións máis antigas, a construción da pasarela sobre a Nacional VI, a recuperación do Carme, ademais doutras medidas de carácter social.

As contas do 2020 sairán publicadas este venres no Boletín Oficinal da Provincia de maneira que entrarán en vigor no seguinte día hábil que, por tratarse da véspera da fin de semana, corresponderá ao vindeiro luns, 13 de xaneiro.

O seu anuncio no BOP de mañá trátase do derradeiro trámite que permitirá a administración local comezar a dispoñer de todos eses cartos de maneira que o prazo de execución que terán estes orzamentos será integramente o do ano, “por primeira vez nos últimos cinco exercicios o que suporá acadar un maior nivel de investimento na cidade e, por tanto, de materialización de todas aquelas intervencións que xa tiñamos programadas”, indicou Lara Méndez.

A rexedora lembrou que as contas de 2020 contemplan un total de 11 millóns de euros de investimentos, aos que hai que engadir os dez millóns e medio que se incorporaron en outubro procedentes dos remanentes de crédito e que, entre outras, terán como finalidade a peonalización de Quiroga Ballesteros, o repintado da sinalización viaria ou a construción do saneamento en puntos do rural.

“Estes presupostos permitirán, asemade, destinar 28 millóns a Políticas Sociais, 8M€ a Emprego, para acadar o impulso e a dinamización económica a través do emprendemento, dos que 700.000€ se destinarán especificamente a un programa dirixido a persoas en risco de exclusión, ademais de 3,3 millóns de euros, que serán para o apoio ao deporte e o fomento da saúde e 1,1 millóns para a substitución de canalizacións de fibrocemento na capital”.

Lara Méndez, destacou igualmente o feito de que durante o proceso de alegacións, que rematou o pasado martes, 7 de xaneiro, non foi presentada nin unha soa reclamación ao respecto nin por parte de colectivos ou particulares, nin tampouco pola dos grupos da oposición “que se ben, non apoiaron estas contas, como vén sendo costume, tampouco achegaron, nos cauces establecidos, ningunha outra proposta para modificalas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo