Lugo mobilizará un millón de euros nunha estratexia de reconstrución económica dos barrios a través do comercio e a hostalería

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a posta en marcha dunha nova estratexia municipal de dinamización, reconstrución e reactivación da economía local dos barrios da cidade a través do impulso e modernización do comercio e a hostalería. A través da mesma, o Concello de Lugo mobilizará preto dun millón de euros para levar a cabo un plan de dinamización que se desenvolverá por cinco zonas da cidade (653.400 euros) e un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (326.700 euros).

Serán dous plans e 13 liñas de actuación “nunha estratexia ambiciosa coa que seguiremos a apoiar aos sectores máis castigados pola pandemia e consolidar o tecido empresarial da nosa cidade”, sostivo a rexedora, que estivo acompañada na presentación de Mauricio Repetto, edil de Desenvolvemento Local e Emprego.

Neste sento, destacou que “desde o Concello de Lugo estamos a realizar o maior esforzo inversor da historia de Lugo para reconstruír a danada economía local que nos deixa a pandemia e as sucesivas restricións sanitarias”. Por unha banda, lembrou, “inxectamos liquidez aos sectores coas axudas directas que mobilizamos, un millón de euros no segundo Plan de Reactivación que anunciamos a pasada semana, que se suma aos 5 millóns do Reanima, pero con iso só non é suficiente, por iso trazamos unha estratexia de dinamización por barrios da cidade, e tamén do rural, que son os que permiten manter a nosa identidade, cun investimento doutro millón de euros”.

O Concello aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana o proceso público para licitar ambos os dous plans e as empresas interesadas poderán presentarse a cada un por separado ou á totalidade. O prazo de execución será de doce meses desde a súa data de formalización, sendo a data prevista de inicio no segundo trimestre de 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com