Lugo Monumental repartirá 1.000 euros en premios á mellor animación de rúa este Entroido

Lugo Monumental vén de convocar o VIII Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa, que terá lugar entre os días 22 e 25 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico. Como todos os anos, este premio está pensado para atraer ao centro ás cuadrillas que celebran o Entroido e que enchen as rúas do colorido, a música e a irreverencia propia desta época.

Tal e como recollen as bases publicadas hoxe, entenderase como “animación” calquera actividade que as agrupacións participantes consideren oportuna (música, teatro, monicreques, monólogos, maxia, xogos infantís…) e que contribúa a crear diversión e ambiente rueiro no centro histórico de Lugo. Poderanse ter en conta as mellores cancións, disfraces ou presentacións, pero o que máis pesará será a animación creada nas rúas do centro.

Segundo informa a asociación de empresarios, para optar ao premio os participantes deberán realizar unha inscripción gratuita no enderezo electrónico asociacion@lugomonumental.es ou a través do Whatsapp ao 644.637.444 indicando o nome do grupo, o número de participantes e a descrición da animación, e o nome e contacto (teléfono e email). O prazo de inscrición está xa aberto e finalizará o vindeiro día 21 de febreiro ás 23.59 horas.

Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa Organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio  obtido.

Os premios entregaranse en vales de 50 euros trocables nas empresas asociadas a Lugo Monumental. Así, o primeiro premio sumará un total de 600 euros en vales, o segundo de 300 euros e o terceiro premio terá un importe de 100 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com