Lugo, o único concello de Galicia no Encontro Estatal de Gobernos Locais

A concelleira de Benestar do Concello de Lugo participa estes días no Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación ao Desenvolvemento. Unha cita na que o Concello de Lugo é o único presente de toda Galicia. “O propio Fondo Galego de Cooperación convidounos persoalmente a asistir por considerar que Lugo é un caso excepcional, pola súa implicación, ao que cómpre visibilizar”, explicou a edil.

O evento, que terá lugar dende hoxe e até o vindeiro 12 de novembro en Córdoba, será o escenario de diálogos políticos, obradoiros e intercambios técnicos que terán como eixo común o debate sobre a cooperación descentralizada municipal, como clave para definir o rol dos executivos locais no sistema estatal de cooperación, fronte á incipiente reforma legal.

Segundo explican dende o Concello son unhas xornadas “útiles e interesantes” nas que representantes políticos e institucionais de todo o Estado abordan diferentes eixos da acción territorial así como as súas redes no marco da Unión Europea no tocante á cooperación e ao desenvolvemento.

A responsable da área de Benestar, quixo agradecer ao Fondo Galego de Cooperación que escollese ao Concello de Lugo en representación do municipalismo autonómico máis solidario “o que pon de manifesto o calado e proxección das nosas actuacións ás que cada ano destinamos unha partida de 10.000 € do noso orzamento para accións de sensibilización social – afirmou a edil – que neste 2021 se centraron na intervención educativa, en obradoiros formativos para persoas voluntarias e mesmo na celebración dun ciclo en colaboración co Campus Terra de Lugo dentro do que se impartiron sesións sobre cartografía participativa e sistemas de información xeográfica, redes de mulleres produtoras e cadeas de comercialización, dereitos humanos, ferramentas didácticas para a ensinanza, etc…”.

Precisamente, López Racamonde intervirá no espazo chamado ÁGORA PATIO dedicado á presentación de programas e boas prácticas de cooperación internacional nun formato áxil e rápido.

“Un espazo de reflexión, intercambio e construcción colectiva, específico sobre a cooperación municipal, no que queremos poñer en valor a acción que desenvolvemos dende a área de Benestar, compartindo as nosas experiencias para, entre todos os e as participantes, poidamos establecer logo unha folla de ruta e coñecer a incidencia que esta terá no proceso de reforma da nova arquitectura do sistema”, aclarou a concelleira.

O Encontro está impulsado pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (COFOCOS), na que o Fondo Galego ocupa a Vicepresidencia, e coorganizado polo FAMSI (Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional) e a FEMP, e financiado pola Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com