Lugo ofertará seis ciclos e máis de 130 prazas novas de FP no vindeiro curso

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a oferta de ciclos de Formación Profesional nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– para o curso 2021/2022, que recolle seis ciclos e 136 prazas novas na provincia de Lugo.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade oferta nos réximes ordinario e modular para adultos nos centros públicos da provincia de Lugo 4.220 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 165 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 3.133 forman parte do réxime ordinario –1.285 en grao medio, 1.200 en grao superior, 576 en FP Básica e 72 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa–, mentres que outras 587 son do réxime modular para persoas adultas –319 grao medio e 268 en grao superior–, e 500 do réxime modular a distancia –250 en grao medio e 250 en grao superior–.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as  peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

Como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com