Lugo, Oviedo e Santiago reivindican o Camiño Primitivo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os rexedores de Oviedo e Santiago, Wenceslao López e Martiño Noriega, respectivamente, presidiron os actos conmemorativos do Día do Camiño Primitivo, que este ano Lugo lle dedica a este Ben Mundial dentro da programación do San Froilán, un día que o Goberno quere oficializar para o resto de edicións dentro do marco destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional.

Os actos arrincaron cun truco de maxia a pé da Porta de San Pedro, e un paseo por esta ruta xacobea ao seu paso pola cidade, dende este punto ata Porta Miñá. Posteriormente, tivo lugar a recepción na Casa Consistorial, seguida dun paseo polo recinto feiral e unha comida nas casetas do polbo.

Na súa intervención, a rexedora fixo fincapé na necesidade de poñer en valor de xeito común o Camiño de Santiago máis antigo, o Camiño Primitivo, declarado o ano pasado pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, “unha oportunidade para as nosas corporacións e os nosos pobos, para que podamos contribuír ao seu desenvolvemento”. Nesta liña, Lara Méndez lembrou a unión de Lugo con Santiago, “a meta, o obxectivo a conseguir por cada peregrino”, e con Oviedo, “unha cidade chea de galegos e leoneses que tiñan que decidir na súa peregrinaxe se tirar á esquerda cara a Compostela por Astorga nun camiño máis curto, ou ben facer o camiño pola súa banda tradicional”.

A rexedora luguesa aproveitou os actos conmemorativos para reivindicar, con maiúsculas, o Camiño Primitivo. “Ten que servirnos para verbalizar o que nos une, este camiño, que no pasado ano foi a cuarta vía que máis peregrinos rexistrou, preto dos 11.500; este recoñecemento internacional, que é ademais un dos sinais principais da nosa identidade e impulso da actividade económica”, subliñou Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com