Lugo recibe o galardón de Mellor Destino Turístico Accesible

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recolleu de mans de D. Simon Feismann, director de ThyssenKrupp Encasa, unha placa conmemorativa e un trofeo que recoñecen a Lugo como o destino turístico mellor adaptado para persoas con problemas de mobilidade, grazas aos seus servizos de accesibilidade, que foron os mellor valorados por un total de 5.109 votos emitidos entre fans e followers. No acto a alcaldesa estivo acompañada de Aquilino González vocal de accesibilidade do colectivo AUXILIA Lugo, Simon Feismann, director xeral de thyssenkrupp Encasa, Ana González Abelleira, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, e máis membros de AUXILIA

Este premio é o resultado da segunda campaña “Destino Turístico Accesible”, impulsada por ThyssenKrupp Encasa, empresa líder en solucións de mobilidade, que se puxo en marcha no mes de outubro, e na que se propuxo aos seus seguidores a través das redes sociais, que recomendasen os destinos turísticos máis accesibles por mor das súas propias experiencias. De todas as candidaturas presentadas en Facebook, Twitter e Google+, seleccionáronse máis de 40 municipios de todo o país.

Tras comprobar que estas localidades cumprían co requisito de ter aprobado un plan integral de accesibilidade municipal, abríronse as votacións e os usuarios puideron elixir o mellor destino turístico accesible de España, a través de www.destinoaccesible.es, e en tan só quince días conseguíronse máis de 16.400 votos entre todas as candidaturas presentadas.

Nesta segunda edición da campaña “Destino Turístico Accesible”, Lugo recolle a testemuña a Cáceres, anterior cidade galardoada con este recoñecemento. “Este premio fainos seguir traballando pola nosa cidade e por todos os seus cidadáns e turistas. Queremos que cada un deles percorra as nosas casas, rúas, visite monumentos ou lugares de interese, sen ningún obstáculo”, resaltou Lara Méndez. “Ademais, énchenos de orgullo, xa que se suma ao premio Reina Sofía de Accesibilidade Universal e de Prevención da Discapacidade 2006, que outorgaron a Lugo, o Real Padroado sobre Discapacidade”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo