Lugo saca á luz os escenarios da represión franquista

A programación cultural do Concello para esta fin de semana, en concreto para o sábado, dedícase, por unha banda, a sacar á luz os escenarios da represión franquista. Ás 12:00 horas, o Concello estreará no Vello Cárcere a exposición fotográfica Memoria perdida, de Miquel González. A mostra está composta por 36 fotos, tomadas en distintos puntos de España e é unha homenaxe á memoria perdida do franquismo.

En Memoria perdida, o fotógrafo, que naceu en Alemaña fillo de emigrantes cataláns, retrata aquelas fosas comúns, cunetas, barrancos, descampados ou paraxes en onde se produciron os fusilamentos dos represaliados durante a Guerra Civil e a represión franquista. Aínda hoxe, os corpos de 114.000 persoas desaparecidas seguen nestes lugares e moitos deles non foron excavados nin homenaxeados. A exposición vai máis aló da busca e o retrato de fosas comúns, pois pretende sacar ás vítimas das cunetas e devolverlles un pouco de dignidade.

O Concello organiza esta exposición, coa que colabora a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que poderá verse no primeiro andar do Vello Cárcere ata o 2 de maio, de luns a domingo. Realizaranse dúas visitas guiadas á mostra, unha o sábado ás 18:00 horas e outra o domingo, ás 12:00 horas, a cargo do autor da exposición.

O resto da xornada matinal de sábado xira en torno á música. Por un lado, o Auditorio Municipal Gustavo Freire será o escenario da actuación de Gustavo Almeida, unha actividade enmarcada na programación de Artes Escénicas do Concello para o primeiro semestre do ano. Presentará o seu cuarto disco a partir das 20:00 horas, ofrecendo un concerto de 80 minutos en formato banda, onde Gustavo, ademais de pola súa guitarra, estará acompañado por batería, percusión, baixo, teclado, guitarra acústica, guitarra eléctrica, metais e coros. Un formato que permite respectar ao 100% a sonoridade do disco, coa dinámica e a versatilidade moi características de Gustavo
Almeida.

O importe das entradas é de 10 euros en zona A e 8 euros en zona B. Existe desconto do 20% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). As entradas poderán mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na  Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

Un anaco máis tarde, ás 21:00 horas, o Vello Cárcere acollerá un dos concertos do ciclo de Músicas Mesturadas. Será o de Celina de Piedade, acordeonista, cantora e compositora, con tres álbums en solitario. A entrada é libre ata completar cabida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com