" />

Lugo, Sarria, Chantada, Burela e Maniños acollen este verán o CDLUCAMP

Coa chegada do verán volta un dos momentos máis agardados polos nenos e nenas de todo Lugo, os Campus de Verán do CD Lugo. Esta mañá foi presentada na sala de prensa do Estadio Anxo Carro unha nova edición do CDLUCAMP. No acto estiveron presentes o Deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; a responsable de marca do CD Lugo, Carmen Mier, e o director do Campus, Julián Castaño.

Os Campus que organiza o CD Lugo, pretenden, co deporte como protagonista, difundir os valores propios da entidade non só na cidade de Lugo senón tamén en toda a provincia. Como lembrou a responsable de marca do CD Lugo,  “queremos achegar o CD Lugo a todos os nenos e nenas da provincia”. Mier desvelou tamén unha das principais novidades de esta edición, que será a cesión que fará o Centro Deportivo Forus de parte das súas instalacións para que “parte dos nenos poidan, ademais de xantar todos xuntos, ter actividades de ocio e lecer nas súas instalacións.”

A solidariedade, o esforzo, a igualdade, as habilidades sociais ou a cultura do esforzo serán o eixo transversal que servirá de nexo entre as distintas actividades que compoñen o CDLUCAMP. A concienciación dos participantes é
unha das chaves desta actividade, segundo destacou o seu director, Julián Castaño: “O fútbol será o protagonista das sesións. Traballaremos de acordo a metodoloxía que vimos desenvolvendo nas categorías inferiores, pero ademais
creemos que é moi importante utilizar o deporte como forma de transmitir determinados valores aos nenos e nenas.

Pola súa banda, Rivera Capón, subliñou que “dende o Goberno da Deputación estamos encantados de colaborar con iniciativas como esta que axudan a potenciar o deporte base lucense, ademais do claro compoñente formativo que supón para os máis cativos, pois durante os campus de verán ademais de aprender e xogar ao fútbol, tamén adquirirán valores intrínsecos a este deporte como a superación persoal, o traballo diario, ou a constancia na consecución duns obxectivos. Neste senso, o CDLUCAMP enmárcase no contrato de patrocinio que temos asinado co Club Deportivo Lugo para apoiar ao equipo de fútbol de referencia da provincia, e ao mesmo tempo, para que a nosa axuda teña un compoñente social que revirta en beneficio de todos os lucenses”.

Chantada e Burela repetirán como sedes trala experiencia positiva do ano pasado e Sarria súmase tamén este ano como sede dos campus. Por vez primeira o CDLUCAMP sairá da provincia de Lugo e será a vila de Maniños, no concello coruñés de Fene, o lugar que albergue a actividade.

Esta actividade, na que poderán participar os nenos e nenas nados entre 2001 e 2011, arrincará a semana do 25-29 de Xuño en Sarria. As seguintes quendas serán Lugo e Chantada (2-6 Xullo), Maniños e Burela (9-13 Xullo) e unha última en Lugo (27-31 Agosto). As inscricións poderanse facer a partir do luns 9 de maio na web www.cdlucamp.org, na CDLUStore (Praza de Bretaña, 22) e nos clubes colaboradores (Porto de Burela, Sarriana, SD Chantada, Cultural Maniños.).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo